Galicia organizará o 1º Congreso Nacional sobre Formación Permanente do Profesorado, que terá lugar en Santiago de Compostela os días 22 e 23 de maio de 2025, logo da proposta elevada polo Goberno galego ao Ministerio de Educación e o traballo conxunto de ambas administracións na organización. O evento, que se celebrará de forma presencial e será retransmitido en directo por internet, reunirá expertos destacados para analizar os modelos de competencias profesionais.

O foro, o primeiro deste tipo que se organiza a nivel estatal, busca destacar o papel esencial da formación continua na mellora do ensino e na actualización dos profesionais da educación. A cita reunirá expertos que analizarán temas clave como as novas tendencias na formación docente e os sistemas de avaliación do impacto das accións formativas.

Para iso, contarase coa presenza de representantes das redes de formación das distintas comunidades autónomas, así como inspectores, directores, coordinadores de formación e outros responsables educativos. Ademais, asistirán membros da Conferencia de Decanos das Facultades de Educación e de diversas institucións vinculadas á formación docente, creando un espazo de colaboración e intercambio de coñecementos. 

Modelo de competencias profesionais docentes

Un dos puntos máis destacados do programa será a presentación do marco teórico do Modelo de competencias profesionais docentes, desenvolvido de forma conxunta polas consellerías de educación das comunidades autónomas e o Ministerio de Educación, a través do INTEF (Instituto Nacional de Tecnologías Educativas y Formación Profesional), coa colaboración da Conferencia Nacional de Decanos das Facultades de Educación. Galicia, pioneira nesta liña, conta desde 2015 cun modelo propio que foi actualizado en 2023 para adaptarse ás novas tendencias educativas e ás necesidades da sociedade actual. Este modelo ofrece unha visión integral, que abrangue desde a formación inicial nas universidades ata a formación permanente do profesorado mediante os plans anuais de formación unha vez incorporados ás aulas.

O congreso servirá tamén para fomentar a creación de redes de colaboración entre os asistentes, facilitando o desenvolvemento de proxectos compartidos e o intercambio de experiencias, boas prácticas e recursos entre as comunidades educativas de todo o país. 

Coa organización deste congreso, a Xunta reafirma a súa aposta pola formación continua dos profesionais do ensino ao servizo da calidade do sistema. Esta liña de traballo queda reflectida no Plan anual de formación do profesorado deste curso, que ofrece 132.531 prazas formativas, un 7,5% máis que no curso anterior.

Loading...