O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, mantivo esta semana unha reunión con representantes da Cruz Vermella co gallo de avanzar en estratexias comúns de cara a garantir a empregabilidade de persoas en situación ou risco de exclusión social. Nesa liña, os representantes autonómicos valoraron o traballo da entidade en Galicia para promover que os colectivos máis vulnerables poidan acceder ao mercado laboral en igualdade de oportunidades, ao tempo que puxeron de relevo o traballo feito pola Xunta a través de iniciativas pioneiras como o programa de arraigamento para a formación.
Así, nun encontro no que ademais do conselleiro e do secretario xeral estiveron presentes a presidenta autonómica da Cruz Vermella, Mercedes Casanova, e o coordinador autonómico da entidade, Joaquín Varela, destacouse que está en marcha a segunda edición do proxecto do Goberno galego que, a través de microformacións centradas nos sectores produtivos con máis necesidade de man de obra, está fomentando a regularización da situación de persoas migrantes, prevendo chegar a 180 beneficiarios tras superar o cento de participantes na experiencia piloto, dos que a totalidade dos que se formaron conseguiron permiso de residencia e máis do 70% un traballo indefinido.