O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, e pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, visitou a oficina de emprego de Lugo, onde destacou o traballo da Xunta para impulsar a eficacia  do Servizo Público de Emprego de Galicia e reformar as instalacións das súas oficinas. Nesta liña, puxo como exemplo medidas pioneiras en España como o reforzo do programa de seguimento intensivo da demanda de emprego para garantir que nas listas figuren exclusivamente as persoas que realmente queren traballar. 

Esta iniciativa, avaliada onte no Consello da Xunta, levarase a cabo este mes e consistirá en actualizar os procedementos do programa introducindo de xeito pioneiro un acordo de actividade explícito, recollido pola normativa estatal. Neste sentido, o conselleiro subliñou que a finalidade é mellorar a eficiencia dos procesos de selección e atender as necesidades reais dos inscritos ofrecéndolle servizos máis axeitados que favorezan a súa empregabilidade. 

As persoas que non asinen ou incumpran o acordo serán retiradas das listas perdendo de xeito temporal -ata que asinen o acordo- os beneficios aparellados -como a mediación, titorización ou priorización nos procesos do Servizo Público de Emprego de Galicia -SPEG- coas empresas- ademais da prestación, no caso de ter dereito a ela. 

En canto aos demandantes que cumpran e asinen o acordo, poderán beneficiarse dun itinerario personalizado de inserción laboral, do perfilado competencial realizado pola ferramenta pioneira de intelixencia artificial EMi e dos servizos de formación para o emprego e intermediación laboral. Ademais, en liña co anterior, actualízase o criterio de selección das ofertas de emprego para dar prioridade ás persoas que máis tempo están inscritas no SPEG nunha situación activa e real de busca de emprego. 

Desde xuño de 2023, o programa permitiu atender a máis de 47.500 persoas, favorecendo a inserción laboral de máis de 7.000 e motivando que preto de 10.400 deixasen de ser demandantes de emprego dun xeito voluntario.  

Outras medidas

Outra medida do Goberno galego que citou o conselleiro e que ten como fin reforzar a eficacia do Servizo Público de Emprego de Galicia é o pulo ás obras de mellora das oficinas que no 2025 contarán cun investimento de 1,6M€. A isto súmase, engadiu, o  impulso á ferramenta EMi nas 54 oficinas de emprego de Galicia -entre elas, a de Lugo- co fin de casar oferta e demanda laboral co apoio da intelixencia artificial e acadar o perfilado competencial de 70.000 persoas ata setembro de 2025. Ademais, desenvolverase a súa aplicación móbil para o autoperfilado, para o que se proxecta un investimento de 1M€ no vindeiro ano.

Loading...