A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, mantivo hoxe unha reunión de traballo coa Federación Galega de Redeiras O Peirao para explorar vías de colaboración para a mellora da formación e a capacitación deste colectivo que se dedica a unha actividade básica do sector marítimo-pesqueiro en Galicia. A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP analizou coas representantes desta entidade a posibilidade de impulsar accións formativas específicas para que o sector poida afrontar novos rectos tecnolóxicos e de loxística.
Cómpre lembrar que a Consellería xa ven mantendo liñas de colaboración con esta federación para a cualificación do colectivo a través da acreditación de competencias profesionais. Froito desta cooperación, nos últimos tres anos emitíronse 116 certificados de profesionalidade para as dúas unidades de competencia desta cualificación, que son as de confeccionar e montar e de manter artes e aparellos de pesca. En Galicia, o centro de referencia para estas unidades da familia Marítimo-Pesqueira é o Centro Integrado de FP CIFP Universidade Laboral de Culleredo.
Precisamente o impulso da acreditación de competencias profesionais é un dos sete eixos nos que se basea a Estratexia de FP Galicia 2030, onde se fai fincapé, entre outros, na colaboración co tecido socioeconómico a través das entidades empresariais e profesionais para actualizar e adaptar a oferta a esas necesidades e mellorar a empregabilidade e a formación dos traballadores.