A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou esta tarde na inauguración do encontro Sinerxías para analizar as necesidades formativas da función loxística de Galicia organizado polo Clúster da función loxística de Galicia.
Alí, Zeltia Lado puxo en valor o convenio de colaboración en materia de formación suscrito entre a Xunta e o Clúster da función loxística de Galicia para seguir impulsando este sector estratéxico que xera máis do 12% dos empregos da nosa economía.
Ademais, amosou o compromiso do Goberno galego por seguir consolidando a colaboración cos principais sectores produtivos para contribuír á materialización de formacións específicas, flexibles e de curta duración a través dos principais clústeres, un ámbito ao que se destinarán 5 millóns de euros en 2025.