A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración comezou a notificar as entidades beneficiarias dun importe próximo aos 72,1 millóns de euros para que poidan impartir un total superior aos 1.500 cursos no marco da convocatoria de formacións para desempregados 2024-2025, coa previsión de que poidan participar máis de 23.300 persoas. A Xunta continúa así a reforzar a formación para o emprego co reto principal de axustar as accións aos perfís que demanda o tecido produtivo e de dar resposta así ás vacantes que existen no mercado laboral.

En concreto, ás provincias da Coruña e Pontevedra concédenselles senllos montantes de case 23,8 millóns de euros, mentres en Lugo e Ourense a axuda global aprobada é de cadanseus importes próximos aos 12,3 millóns.  

Para optar a estes apoios deuse prioridade ás especialidades máis demandadas polas empresas galegas e polas persoas traballadoras nas oficinas de emprego, revisándose e modificándose esta relación de materias formativas consideradas como prioritarias, ademais de avaliarse a súa empregabilidade. Entre os perfís que están a ser máis requiridos destacan os vinculados coa atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, auxiliares de servizos administrativos e xerais, transporte sanitario, actividades auxiliares de almacén ou operacións básicas de cociña, entre outros.

Estas especialidades formativas prioritarias considéranse por bisbarra ou a nivel de Galicia e, ademais de estar coordinadas co tecido produtivo galego, contan cun estudo elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración co Observatorio de Prospectiva do Mercado de Traballo da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Deste xeito, cando se detecta demanda dunha formación concreta que impacta nun número elevado de comarcas, a priorización é para toda Galicia; e cando existe unha forte demanda focalizada nunha ou máis bisbarras concretas, pero que non está xeneralizada para todo o territorio, prímase a impartición desas especialidades formativas naquelas zonas específicas nas que se detectou a necesidade.  

Os apoios autonómicos van dirixidos de xeito prioritario ás persoas desempregadas, aínda que tamén poden participar nos cursos as persoas traballadoras ocupadas ata un límite do 30% das prazas, sempre e cando non se cubran con persoas sen emprego.

Máis flexibilidade, tamén para o alumnado

A convocatoria presentaba importantes novidades no referido ao acceso do alumnado aos cursos. Por vez primeira, non se esixirá ter a titulación precisa para un curso de xeito previo, permitindo formarse en paralelo. Isto quere dicir, na práctica, que un alumno sen Bacharelato que desexe estudar un grao C de nivel 3 -a efectos académicos, equivalente a ese nivel educativo- poderá estudar, á vez, o curso formativo e as competencias claves precisas para obter este certificado profesional.

Ademais, tamén como novidade, o alumnado poderá estudar un curso completo ou módulos específicos incluídos nun certificado profesional, dentro da aposta da Xunta por flexiblizar ao máximo a formación e axustala ás necesidades de empresas e traballadores.

Poden ser beneficiarias destas axudas as entidades e centros de formación que estean acreditados ou, de ser o caso, inscritos para impartir en Galicia as ofertas formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos B e C (correspondentes á obtención dos certificados de competencia e profesionais) e/ou as competencias clave para as cales se soliciten as axudas, xa sexa na modalidade presencial ou virtual.

Loading...