O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e o director xeral da Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, participaron esta tarde en Vigo na apertura do taller do Campus formativo en igualdade laboral no que se presentou a Guía de indicios para a detección de vítimas de violencia de xénero para a empresa. Elaborada pola Xunta, trátase dun texto pioneiro na aplicación da última Directiva europea sobre a loita contra a violencia contra as mulleres e a violencia doméstica, que busca apoiar tanto o tecido produtivo como as persoas traballadoras na prevención e erradicación deste tipo de violencias.
A guía dá así resposta á Directiva comunitaria que recolle que as persoas con funcións de supervisión no lugar de traballo, tanto no sector público como no privado, así como as entidades empregadoras, deben recibir información sobre os efectos da violencia contra as mulleres e da violencia doméstica no traballo e sobre o risco de violencia exercida por terceiros. Nese senso, hoxe abordarase como actuar fronte á violencia de xénero no ámbito laboral, o papel das empresas e persoas traballadoras na loita contra a violencia de xénero e a revención e actuación fronte á violencia de xénero no ámbito laboral.
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais puxo de relevo esta acción presentada no marco do Campus en liña de igualdade laboral iniciado en 2021 na que, máis aló da formación prestada, se dará pé á consulta e ao intercambio de experiencias. Con máis de 6.000 persoas usuarias ata o de agora, o Campus mostra así -segundo Pablo Fernández- a súa actualización constante, co gallo de cubrir as temáticas de maior interese no eido da igualdade laboral. Nese senso, estanse a realizar ata 40 novos cursos e talleres gratuítos, co obxectivo de acadar en xuño do ano que vén o fito de 120 accións formativas realizadas.
Pola súa banda, o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, subliñou que esta guía “será un instrumento de vital importancia para poder detectar de forma temperá e precoz a existencia de posibles malos tratos” a mulleres por parte das súas parellas, xa que é no ámbito laboral onde as traballadoras pasan máis tempo durante a súa xornada. Durante a presentación, Roberto Barba tamén fixo fincapé na importancia de concienciar contra as violencias machistas “en todos os ámbitos da sociedade e en todas as esferas da vida”.