A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe en Pontedeume o obradoiro de chapeus e toucados artesanais de Natalia Domíguez, unha galega retornada de Bos Aires (A Arxentina) que foi beneficiada das axudas da Xunta de Galicia para o fomento do autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes retornadas e que lle permitiu iniciar o seu negocio na vila eumesa.

Aneiros lembrou que na convocatoria do ano pasado beneficiáronse destas achegas un total de sete persoas afincadas nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal que percibiron axudas por valor de 53.000 euros.

No caso de Natalia Domínguez que leva dez anos dedicada ao negocio dos chapeus e toucados na Arxentina, a axuda foi chave para a posta en marcha do seu obradoiro na comarca onde elabora as pezas, todas elas de carácter artesanal, que logo comercializa baixo a marca Hana No Boshi a través de plataformas online e en feiras de artesanía.

“O seu é un exemplo do impacto positivo das políticas de retorno da Xunta  cuxo obxectivo é crear oportunidades reais para todas aquelas persoas que como Natalia deciden regresar á súa terra”, indicou a delegada territorial.

As axudas para o autoemprego e a actividade emprendedora teñen unha contía de 6.000 euros, aumentables en 1.000 se a persoa beneficiaria é muller e en outros 3.000 se a empresa se pon en marcha nun municipio do ámbito rural. “Deste modo unha persoa solicitante pode obter axudas de ata 10.000 euros para a posta en marcha do seu negocio e integrarse social e laboralmente favorecendo ademais o tecido empresarial de Galicia”, indicou Aneiros.

Esta é unha das medidas recollidas na Estratexia Galicia Retorna coa que o Goberno galego pretende ofrecer oportunidades reais de retorno aos galegos na diáspora, con especial atención ao fomento do autoemprego e á creación de novos proxectos empresariais que fortalezan o tecido económico galego. As persoas interesadas en informarse de todo tipo de axudas ao retorno, poden facelo tamén a través da oficina móbil de asesoramento e seguimento ao retorno que visitaba a pasada semana os municipios de Ferrol e Ortigueira e que o próximo 13 de novembro estará no municipio das Pontes.

Loading...