O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, clausurou hoxe en Expourense a asemblea xeral ordinaria da Asociación provincial de talleres de reparación de vehículos de Ourense (Atave), onde estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. Alí destacou a importancia de traballar conxuntamente coas empresas como as que forman parte desta entidade para afrontar o reto da cobertura de vacantes neste sector.

No referido á cobertura de postos de traballo e á remuda xeracional, González sinalou que se recollerán as achegas e identificaranse as barreiras de acceso do sector á contratación de man de obra, especialmente da estranxeira. Tamén se busca, engadiu, detectar as carencias do catálogo de postos de difícil cobertura, para propoñer a súa actualización ao Goberno.

Debullando os esforzos que está a desenvolver a Xunta para atender as necesidades do tecido produtivo, o titular de Emprego remarcou a colaboración con Atave na execución de accións formativas para desempregados -serie de cursos para a que o Goberno galego destinou 203.000 euros no 2023 e, dende 2009, preto de 2,5 millóns de euros-. Nesta mesma liña, González incidiu noutras medidas executadas para favorecer as oportunidades das persoas demandantes de emprego en Galicia. Unha delas é a modernización do Servizo Público de Emprego co apoio da intelixencia artificial para casar oferta e demanda en tempo real, ao tempo que se optimizan estas listas para que estean nelas as persoas que queren traballar.

Tamén salientou a aposta da Xunta para flexibilizar a formación para o emprego a través das microformacións atendendo ás demandas das empresas para ser máis áxiles e afinar a oferta formativa tendo en conta as competencias que se están demandando.  

Favorecer o retorno dos galegos da diáspora e captar traballadores de 3º países

Abordando o plan de atracción de talento deseñado polo Goberno autonómico, José González lembrou os dous eixos complementarios. Por unha banda, favorecer o retorno dos galegos da diáspora coa Estratexia Galicia Retorna, dotada con 450 millóns de euros para favorecer a volta de 30.000 persoas, ofrecéndolles contratacións en orixe e impulsando a súa inserción laboral a través do programa Retorna Cualifica Emprego. E o outro fin desta folla de ruta, explicou, é o de captar traballadores estranxeiros de terceiros países, sempre da man das empresas e de xeito ordenado e vencellado ao traballo.

Para garantir unha formación que encaixe nos perfís profesionais que se demandan no mercado laboral, incidiu na necesidade de que o Goberno central non obstaculice a vía do arraigamento para a regularización administrativa dos inmigrantes e tamén é clave que flexibilice os criterios de repartición de fondos para a formación, así como que axilice todos os trámites vencellados á homologación dos títulos fóra de España.

 Máis de 400 empresas integradas en Atave

En canto ao labor de Atave, o conselleiro enxalzou a súa traxectoria de preto de 50 anos e o seu papel referente no sector. Esta asociación xurdiu en 1977 e na actualidade conta con máis de 400 empresas de reparación de vehículos.  Os traballadores homenaxeados hoxe no marco da asemblea xeral ordinaria desta entidade foron Eladio Lamas, de Talleres Paco, Fermín Rodríguez, de Talleres Auto Agro e José Torres, de Talleres Torres.  

Loading...