A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, clausurou hoxe a acción formativa sobre xeración de contidos organizada desde o Polo de emprendemento de Ferrol coa colaboración do Clúster do Ecommerce Galego. Enmárcase na aceleradora de proxectos Xerme Ecommerce, o primeiro programa de formación que se leva a cabo da man deste clúster e no que se bota man de profesionais en activo do mundo do comercio electrónico para que os 23 proxectos elixidos aprendan a lanzar, xestionar e rendibilizar os seus negocios en liña.
O programa está dirixido tanto a novos proxectos no eido do comercio electrónico como a negocios existentes que aposten por acceder ás oportunidades de expansión que ofrece a comercialización dixital. De feito, das 23 empresas escollidas, 11 xa venden online e outras 4 só teñen local físico, mentres outras 8 contan con ambas opcións habilitadas pero con interese en potenciar a venda electrónica.
En concreto, a través de Xerme Ecommerce, avógase pola formación e pola mentorización, con obradoiros, titorización personalizada e sesións docentes para que os emprendedores busquen oportunidades en todos os mercados, apoiados en expertos profesionais na materia.
No caso específico de hoxe, promóvese a aprendizaxe, a planificación e a creación de contido, xunto coas principais ferramentas que se poden utilizar e o tipo de contidos que se poden xerar. Así mesmo, abordouse como calendarizar as publicacións de maneira eficiente e un caso práctico de creación de guión, mesmo con nocións de edición básica.
Cómpre sinalar que 20 dos proxectos elixidos no marco do Xerme Ecommerce refírense a produtos, mentres os outros tres abranguen servizos de viaxes, turísticos e de formación respectivamente. No primeiro grupo, destacan as iniciativas de distribución de produtos alimentarios, cosméticos, relacionados coa moda ou coa artesanía, entre outros relativos á xoiería, á cultura, á tecnoloxía ou ao campo dos xoguetes.
Polo de Ferrol
Malia enmarcarse na aceleradora de proxectos Xerme Ecommerce, o acto de hoxe tamén estaba dirixido ás persoas atendidas desde o Polo de emprendemento de Ferrol, que desde a súa posta en marcha leva atendidos preto de 400 proxectos.
Nese senso, cabe destacar que case un 70% desas iniciativas están impulsadas por mulleres. Por sectores, predominan os servizos (23%), seguidos do comercio (19%) e da hostalaría (13%).