O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou na presentación da II Feira da Mascota de Galicia que se celebrará o 14 e o 15 de setembro no recinto feiral de Pontevedra e que contará cun espazo sobre iniciativas da Rede de polos de emprendemento e apoio ao Emprego relacionadas co ámbito das mascotas e no que os asistentes poderán afondar nestes proxectos. Alí destacou a importancia de citas coma a Feira da Mascota para potenciar as empresas deste ámbito, xa que este certame contribúe a promover reunións de negocio e a difundir o mundo da mascota, un sector en auxe que en Galicia conta con varias iniciativas emprendedoras.

Nesta liña, Pablo Fernández, salientou o apoio do Goberno galego á creación de novos negocios que contribúan á xeración de emprego de calidade e riqueza en Galicia. Puxo como exemplo deste apoio o labor dos 14 polos de emprendemento activos e do persoal técnico da Rede, asesorando para que persoas interesadas poidan desenvolver os seus proxectos. Outras iniciativas ás que fixo referencia, e que fixeron que Galicia fose recoñecida pola Unión Europea como Rexión Emprendedora Europea 2025, son o mapa de emprendemento virtual que integrará todos os axentes, entidades, redes e recursos dispoñibles para iniciar un negocio en Galicia e as microguías de emprendemento lanzadas polo Goberno galego para impulsar a posta en marcha de empresas.

Loading...