O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou hoxe en Vigo o taller de electromecánica posto en marcha pola familia de Agustina Patiño e Agustín Cierne, que retornaron a Galicia desde A Arxentina e puideron levar a cabo este proxecto empresarial grazas ao apoio integral e a diversas iniciativas da Xunta de Galicia de impulso ao emprendemento.  

Agustina e Agustín beneficiáronse das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME), apoio que propiciou o seu retorno para  cursar un mestrado en Dirección de Proxectos na Universidade de Santiago de Compostela, no campus de Lugo, durante o curso 2019/2020. Ademais, entre outras achegas, foron beneficiarios das axudas para o fomento do autoemprego e a actividade emprendedora dos emigrantes retornados da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da axuda Emega da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade.

Durante a visita, o secretario xeral destacou o valor do retorno como unha oportunidade para Galicia, afirmando que “é un orgullo ver como galegos do exterior, grazas á súa experiencia e determinación, deciden volver á nosa comunidade para emprender e formar unha nova vida aquí. O caso de Agustina e a súa familia é un exemplo de como as diversas axudas da Xunta de Galicia non só facilitan o retorno, senón que tamén permiten que os beneficiarios contribúan activamente ao desenvolvemento económico e social de Galicia”.

As axudas que permitiron a Agustina Patiño e ao seu home establecer o seu negocio en Vigo e a bolsa BEME, que lles permitiu completar o seu mestrado, enmárcanse na estratexia Galicia Retorna. Esta estratexia implica unha actuación integral desde todos os departamentos para fomentar o retorno e a integración dos galegos do exterior na sociedade galega, promovendo a creación de novas empresas e impulsando o tecido empresarial da comunidade, que se ve enriquecido pola experiencia profesional de retornados chegados de diferentes países.

O taller de electromecánica desta familia é un exemplo máis de como as políticas de apoio ao retorno da Xunta de Galicia, coordinadas a través de diferentes departamentos e programas, están a transformar o tecido empresarial da comunidade, fomentando a creación de novas empresas e contribuíndo ao crecemento económico e social de Galicia.

Loading...