A Xunta de Galicia eleva ata os 200.000€ a contía global das axudas ao profesorado galego por gastos de asistencia a actividades de formación docente tanto en Galicia como en España ou no estranxeiro, o que supón multiplicar por dous a contía destinada o ano pasado a este mesmo fin.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP publicará a convocatoria esta semana, o que dá cumprimento a outro dos puntos do histórico acordo sindical de mellora estrutural do ensino galego, que recolle esta medida. O obxectivo é impulsar e primar a adquisición de competencias e a especialización para afrontar con éxito novos retos en eidos como a innovación tecnolóxica nas aulas, a convivencia ou o benestar, entre outros.
Esta liña de axudas, que é complementaria á oferta autonómica que cada ano deseña a Consellería no marco do Plan de Formación Docente, está enfocada a favorecer iniciativas formativas individuais que redunden na mellora do sistema no seu conxunto.
As axudas correspóndense con actividades formativas desenvolvidas entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro deste ano e poderán acollerse a elas o persoal docente funcionario de carreira, os docentes en prácticas, o persoal docente funcionario interino e o profesorado substituto, sempre e cando cumpran os requisitos esixidos para cada caso.
Convivencia, STEM, igualdade, inclusión…
As actividades de formación subvencionables teñen que estar directamente relacionadas con igualdade, convivencia e inclusión, saúde e benestar, tecnoloxías e ámbito STEM, plurilingüismo e ámbito artístico. As axudas cobren ata o 100% dos gastos de matrícula e desprazamento que varían ata un máximo de 200€ para actividades realizadas en Galicia, ata 325€ para actividades no resto do territorio español e 750€ para o estranxeiro.
Os interesados disporán de prazo ata o 30 de setembro para solicitar os reintegros por formación a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
Licenzas por formación
Por outra parte, tamén no marco do acordo de melloras estruturais do sistema educativo, a Consellería de Educación tamén vén de dar cumprimento ao punto no que se fai referencia a regulación, a partir de 2024, das licenzas de formación tanto retribuídas como non retribuídas.
No caso das licenzas retribuídas están enfocadas a proxectos de elaboración ou actualización de materiais curriculares dixitais para segundo ciclo de Educación Infantil, Educación Primaria, ESO, Bacharelato e ensinanzas de réxime especial, a través de proxectos individuais ou grupais.
No caso das licenzas non retribuídas son aquelas que permiten a un docente, durante un tempo determinado, dedicarse a completar estudos de carácter académico que melloren a súa formación ou a investigación en aspectos educativos.
Estas licenzas teñen carácter individual e cínguense a aspectos moi concretos como cursar estudos de grao ou equivalente, doutoramento ou máster universitario distintos aos que acredite ter o beneficiario e que, ademais, estean relacionados con áreas, ciclos ou especialidades do sistema educativo galego. Tamén abranguen a realización de proxectos ou actividades orixinais e inéditas que teñan por obxecto investigacións directamente relacionadas co traballo que realizan as persoas solicitantes e que poidan resultar de interese para o sistema educativo galego.