O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, mantivo un encontro con representantes de Carrefour en Galicia para avanzar na necesidade da multinacional de incorporar determinados perfís profesionais á súa estrutura de persoal na nosa Comunidade. Así, abordaron as posibilidades que ofrecen nese senso o programa Retorna Cualifica Emprego, as Unidades Formativas para Empresas ou os Bonos Talento Empresa da Xunta.

En concreto, na reunión falouse das vantaxes do programa Retorna Cualifica Emprego, ao que se lle está a dar un pulo da man -precisamente- das empresas para ofrecer traballos de calidade en orixe que promovan o retorno ao tempo que dan resposta á necesidade de persoal cualificado en sectores como o da distribución. Deste xeito, recalcouse que o programa proporciona formación para o emprego ás persoas retornadas, ademais de axudas para viaxar e establecerse en Galicia.

Unidades formativas e Bonos Talento Empresa

Para afondar na formación para o emprego orientada ás necesidades específicas de compañías como Carrefour, lembrouse que está aberta a convocatoria deste ano cun importe de 8 millóns de euros para que as empresas poidan cualificar máis de 3.000 persoas desempregadas con unidades formativas.

Con prazo de solicitude vixente ata o próximo 30 de setembro, destacouse que é unha iniciativa coa que se axuda ás empresas a impartir a súa propia cualificación sempre que se comprometan a contratar a polo menos un 40% do alumnado que participe na acción formativa para dar resposta ás súas vacantes.

Así mesmo, segundo se puxo de relevo, ata o 16 de setembro poden solicitarse os Bonos Talento Empresa cun importe de 2 millóns de euros, co obxectivo de ofrecer formacións non regradas de curta duración, adaptadas ás necesidades específicas do tecido empresarial, para reforzar as competencias e habilidades dos traballadores.

Ambas medidas enmárcanse na aposta da Xunta polas microformacións, considerando absolutamente estratéxico impulsar estes modelos de experiencias curtas de aprendizaxe co obxectivo de flexibilizar a formación para o emprego e de dar resposta a dous propósitos fundamentais: atender as necesidades específicas das empresas galegas de cara a cubrir as vacantes existentes e reforzar as competencias e habilidades das persoas traballadoras.

Loading...