O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, acompañado polo presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o concelleiro de Deportes e Xuventude lalinense, Avelino Souto, participou hoxe na inauguración da V Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros, organizada pola Federación Frisona Galega en colaboración co Club de Xóvenes Gandeiros de Galicia. Esta é a segunda edición deste curso de formación que se celebrou durante o verán na Finca Mouriscade de Lalín, un entorno que permite aos participantes estar en contacto cos animais e o medio. Nesta liña, Balseiros animou á mocidade a continuar o seu vencello ao agro galego e apostar polo rural como “estilo de vida”.

Así, dende hoxe e ata o 23 de agosto, mozos e mozas con idades comprendidas entre 8 e 17 anos, desenvolverán os seus intereses neste ámbito da man de diversos profesionais e terán un contacto importante co mundo da gandaría. Neste contexto, cómpre citar que a Consellería do Medio Rural achegou un investimento de 164 millóns de euros en axudas xestionadas pola Xunta, que propiciou a incorporación á actividade agrogandeira en Galicia duns 5.000 mozos. No 2024 o número de solicitudes para esta liña de achegas ascendeu a máis de 400 e púxose en marcha, por primeira vez, unha nova convocatoria de subvencións específica para persoas de entre 41 e 55 anos, que rexistrou máis de 170 solicitudes.

A maiores, nesta lexislatura porase en marcha por parte do Goberno autonómico un Plan de fomento da remuda xeracional baseado na formación, a sensibilización e a incorporación ao agro, que reitera o compromiso da Consellería coa revalorización e visibilización das profesións ligadas ao agro galego.

Formación para o rural

En relación específica coa formación para o rural, débese ter en conta a aposta da Xunta por iniciativas como a Formación Profesional Dual, con novos ciclos que se estrearán o vindeiro curso 2024-2025, en liña coa Consellería do Educación, nos seis centros propios da Consellería no territorio galego, destacando a formación práctica para ofrecer un contacto máis directo coa realidade laboral e cos profesionais.

Loading...