A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, animou ás traballadoras e traballadores autónomos de Ferrolterra que cesaran a súa actividade e vaian volver a emprender a que soliciten as axudas do programa Nova Oportunidade. Aneiros informou deste programa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración durante unha visita a unha das beneficiarias da pasada convocatoria Geisha Lourdes Pereda, que percibiu unha achega de 10.000 euros para emprender o seu negocio de estética en Narón.
“Trátase de apoiar a volta ao emprendemento daqueles traballadores que tiveron que pechar os seus negocios por causas económicas”, indicou Aneiros, quen explicou que para optar a estes apoios as persoas traballadoras autónomas deberán estar en situación de desemprego e ter sido empregados por conta propia nos últimos tres anos, entre outros requisitos.
A responsable da Xunta, que estivo acompañada do tenente de alcalde de Narón, Manuel Ramos e outros representantes municipais, lembrou que o Goberno galego destina a esta iniciativa 1,5 millóns de euros, o que permitirá conceder apoios de 7.500 euros para a posta en marcha das novas empresas, que se incrementarán en 500 euros no caso de mulleres. O prazo de solicitude destes apoios remata o próximo 31 de outubro.
“É moi importante dar a coñecer os recursos que existen na Comunidade para poñer en marcha novos negocios e difundir así programas habilitados pola Xunta como este Nova Oportunidade, destinado a fortalecer o emprego autónomo, coa fin de que cheguen ao maior número de potenciais beneficiarios posibles”, destacou a delegada territorial.
O programa Nova Oportunidade concedeu na área de Ferrolterra axudas por valor de 40.000 euros na pasada anualidade.