O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participaron na presentación do Programa Alento co que se asesorará de balde a 30 proxectos emprendedores en materia de márketing e comunicación. 

Alí, puxeron de relevo a aposta do Goberno galego pola xeración de riqueza a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego con 14 centros xa despregados, así como o convenio entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Clúster da Comunicación de Galicia para poñer en marcha por primeira vez este programa.  

No acto de hoxe en Vigo, emprendedores da industria da comunicación compartiron as súas experiencias sobre os erros que cometeron ao iniciar as súas empresas, como unha oportunidade para aprender dos fracasos e dos desafíos doutros. Na mesma liña, segundo os representantes autonómicos, na Rede de polos ofrécese ás persoas emprendedoras non só un espazo onde recibir asesoramento técnico para acadar o éxito senón tamén onde entrar en contacto con outros novos empresarios para, entre todos, facer medrar o tecido produtivo galego.

O programa Alento.Impulso a comunicación para emprender, enmárcase precisamente na Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, está integrado no programa anual de actividades do futuro Centro de Orientación, Emprendemento, Acompañamento e Innovación para o Emprego de Galicia e busca impulsar os negocios emprendedores competitivos e que contribúan á xeración de emprego. 

Cun orzamento de 120.000 euros, ofrecerá asesoramento a un total de 30 proxectos -seleccionados de xeito preferente entre os atendidos na Rede de polos- para acompañalos nos procesos de xestión de saída ao mercado, conexión co seu público obxectivo e na creación de marcas que aporten valor aos seus clientes potenciando así a xeración de empresas máis fortes e sustentables.

Servizos de Alento

Este labor de asesoramento será realizado por empresas vencelladas ao Clúster da Comunicación de Galicia e comprende un catálogo de 10 servizos para capacitar á comunidade emprendedora ante os novos retos do mercado, dotándoa dun valor engadido que permita acelerar os seus procesos de mellora e incorporar novos coñecementos ás súas estruturas de xestión.

Os servizos son deseño de imaxe corporativa e deseño e desenvolvemento de web e ecommerce, definición da estratexia e accións de márketing dixital, desenvolvemento de gráficas publicitarias, investigación de mercados, accións relacionadas coa estratexia de comunicación para pemes, de vídeo marketing e tamén produtos de impresión publicitaria.

A finalidade é que estas tarefas sirvan de apoio á comunidade emprendedora en aspectos como a busca de novas canles de comercialización, novos públicos obxectivos, melloras no valor percibido dos produtos e servizos e promoción en xeral, co fin de conseguir unha oferta diferenciada e rendible. 

O prazo para a inscrición de proxectos de emprendemento está aberto  e os interesados poderán inscribirse na páxina web http://programaalento.gal/ habilitada para tal fin. Para a selección dos proxectos valoraranse distintos aspectos como a viabilidade, a transferencia de coñecemento, a xeración de innovación, o impacto económico, entre outros. Tamén se analizarán distintas cuestións relativas ás persoas emprendedoras das iniciativas como a súa formación, experiencia profesional ou coñecementos técnicos do proxecto. 

Loading...