A Xunta reclama unha maior claridade e transparencia en relación coas fórmulas de distribución dos fondos de formación para as políticas activas de emprego de cara a 2025, financiadas con recursos do Estado, así como unha menor inxerencia do Goberno na aplicación de ditos fondos. Así o reiterou esta tarde o conselleiro do Emprego, Comercio e Emigración, José González, no marco da Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais do Ministerio de Traballo e Economía Social, na que participou por videoconferencia.
Neste encontro, abordáronse os criterios de distribución de fondos para políticas activas de emprego, cuestión sobre a que Galicia tamén demandou que os do vindeiro ano sexan debatidos nunha próxima conferencia sectorial, debido a que é un asunto que require ser analizado con antelación e atendendo ás autonomías.
Afondando neste posicionamento, o titular de Emprego insistiu na necesidade de que se establezan unhas pautas consensuadas necesariamente coas Comunidades Autónomas e puxo de manifesto a excesiva intervención central nesta materia, sen ter en conta as circunstancias e particularidades de cada autonomía á hora de fixar criterios de distribución dos fondos. Máxime, subliñou, cando son as comunidades autónomas as que teñen as competencias exclusivas nas políticas activas de emprego.
Nesta liña, o conselleiro remarcou que é preciso dotar de maior flexibilidade a determinación dos destinatarios diana das políticas, posto que cada territorio ten as súas singularidades.
Tamén manifestou que os criterios de distribución que teñen os indicadores de formación para o emprego na actualidade non son acordes coa actual distribución competencial do reparto dos fondos para as políticas de formación, a meirande parte deles dependentes do Ministerio de Educación.
Isto implica, indicou, que os fitos acadados con estes programas non computen á hora de lograr os indicadores que marca o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) e que, polo tanto, penalizan as políticas de formación postas en marcha por parte das autonomías.
A maiores, José González solicitou que os criterios e indicadores de fondos SEPE para o próximo exercicio 2025 se adopten en consideración cos requerimentos das diferentes direccións xerais con competencias nesta materia e non como ata o de agora se viña facendo, por medio de grupos técnicos alleos ás autonomías.