O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as axudas a entidades de formación para impartir cursos dirixidos a desempregados na convocatoria 2024-2025, cun orzamento de 76 millóns de euros, o máis alto dos últimos 15 anos. Con este presuposto aspírase a cualificar unhas 18.000 persoas sen traballo. A Xunta continúa así a reforzar a formación para o emprego co reto principal de axustar as accións formativas aos perfís que demanda o tecido produtivo e de dar resposta, deste xeito, ás vacantes que existen no mercado laboral.

Para optar a estes apoios darase prioridade ás especialidades máis demandadas polas empresas galegas e polas persoas traballadoras nas oficinas de emprego, revisándose e modificándose esta relación de materias formativas consideradas como prioritarias, ademais de avaliarse a súa empregabilidade. Entre os perfís que están a ser máis requiridos destacan os vinculados coa atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, auxiliares de servizos administrativos e xerais, transporte sanitario, actividades auxiliares de almacén ou operacións básicas de cociña, entre outros.

Estas especialidades formativas prioritarias considéranse por bisbarra ou a nivel de Galicia e, ademais de estar coordinadas co tecido produtivo galego, contan cun estudo elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración co Observatorio de Prospectiva do Mercado de Traballo da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Deste xeito, cando se detecta demanda dunha formación concreta que impacta nun número elevado de comarcas, a priorización será para toda Galicia; e cando existe unha forte demanda focalizada nunha ou máis bisbarras concretas, pero que non está xeneralizada para todo o territorio, prímase a impartición desas especialidades formativas naquelas zonas específicas nas que se detectou a necesidade.  

Os apoios autonómicos van dirixidos de xeito prioritario ás persoas desempregadas, aínda que tamén poden participar nos cursos as persoas traballadoras ocupadas ata un límite do 30% das prazas, sempre e cando non se cubran con persoas sen emprego.

Máis flexibilidade, tamén para o alumnado

A convocatoria tamén presenta importantes novidades no referido ao acceso do alumnado aos cursos. Por vez primeira, non se esixirá ter a titulación precisa para un curso de xeito previo, permitindo formarse en paralelo. Isto quere dicir, na práctica, que un alumno sen Bacharelato que desexe estudar un grao C de nivel 3 -a efectos académicos, equivalente a ese nivel educativo- poderá estudar, á vez, o curso formativo e as competencias claves precisas para obter este certificado profesional.

Ademais, tamén como novidade, o alumnado poderá estudar un curso completo ou módulos específicos incluídos nun certificado profesional, dentro da aposta da Xunta por flexiblizar ao máximo a formación e axustala ás necesidades de empresas e traballadores.

Poden ser beneficiarias destas axudas as entidades e centros de formación que estean acreditados ou, de ser o caso, inscritos para impartir en Galicia as ofertas formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos B e C (correspondentes á obtención dos certificados de competencia e profesionais) e/ou as competencias clave para as cales se soliciten as axudas, xa sexa na modalidade presencial ou virtual.

O prazo de solicitude das achegas arranca mañá e prolongarase ata o próximo 9 de agosto.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240709/AnuncioG0767-270624-0002_gl.html
Loading...