O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participaron hoxe na primeira das xornadas da décima edición do Maker Faire Galicia, un cita que conta co apoio da Xunta e que se celebra hoxe ao longo de todo o día en Santiago de Compostela sobre emprendemento e innovación social.

No evento, todos os participantes compartiron as súas experiencias e paixón pola creación, tendo a oportunidade de coñecer os proxectos máis innovadores en áreas como a sustentabilidade, a inclusión social ou o cambio positivo.

Na inauguración desta iniciativa, que se estenderá durante dúas xornadas máis que terán lugar a finais de ano tamén en Santiago de Compostela (unha delas en novembro centrada en oficios tradicionais e a última en decembro sobre temas relacionados coa industria da man do Igape) interveu o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais. Pablo Fernández puxo en valor a importancia do emprendemento innovador e o apoio da Xunta a este ámbito. Incidiu, de feito, na importancia que para o Goberno galego é apoiar a xeración de emprego en Galicia, creando máis traballo de calidade e que este sexa cada vez máis innovador.

Fixo tamén referencia á importancia de unificar e coordinar todos os recursos que Galicia pon a disposición das persoas emprendedoras e, neste senso, referiuse  ao Mapa de emprendemento, que acaba de poñer en marcha a Xunta, un espazo virtual (http://www.mapaemprendemento.gal) que integra por primeira vez o ecosistema galego de apoio ao emprendemento con todos axentes, entidades, redes e recursos dispoñibles para iniciar un negocio. Tras varias semanas desde o seu lanzamento, a web xa reúne máis de 185 rexistros de entidades que traballan na promoción das iniciativas empresariais na comunidade.

Así mesmo, mencionou outras iniciativas innovadoras de vertebración e cohesión do territorio nas que traballa o Goberno galego. Unha delas é o proxecto piloto de coliving para darlle un pulo ao emprendemento no rural atraendo nómades dixitais, en colaboración coa asociación Sende, que xestiona no concello ourensán de Lobeira o primeiro espazo coliving de Europa.

Con medidas coma esta, a comunidade estase a consolidar como rexión emprendedora. De feito, lembrou que Galicia acaba de recibir o premio á Rexión Emprendedora Europea 2025.

Con estas iniciativas, ás que tamén se une a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, incidiu que a Xunta busca impulsar o emprendemento da man de todos os axentes implicados para crear actividade económica e emprego de calidade, vertebrando o territorio e garantindo o crecemento e progreso de Galicia.

O Goberno galego, en palabras do secretario xeral, quere ser unha Administración facilitadora, polo que na presente Lexislatura seguirá a avanzar na simplificación e unificación do catálogo de axudas existentes para o emprendemento.

A Rede de polos

Sobre a Rede de polos de emprendemento afondou no Maker Faire Galicia a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, quen participou nunha mesa redonda sobre esta iniciativa que puxo en marcha o Goberno galego fai dous anos. Precisamente, no evento expuxéronse catro dos proxectos empresariais que recibiron asesoramento nestes centros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Nesta Rede, ata o de agora, prestouse xa axuda a máis de 2.000 iniciativas. Conta con 13 polos en activo aos que se sumarán dous máis en vindeiras datas.

A Administración autonómica está a apostar ademais pola remuda,  para impulsar o ecosistema comercial das localidades galegas. Así, no marco da Rede de polos, estase a desenvolver desde a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, un programa específico, cun cento de empresas adheridas, coa finalidade de garantir a súa supervivencia, poñendo en contacto a persoas que cesan a súa actividade coas interesadas en retomala.

Non menos importante é para a Xunta a aposta pola economía social, con gran arraigamento en Galicia, que se seguirá a promover con apoios para o inicio de actividade, a consolidación e a xeración de emprego, contribuíndo tamén á súa promoción, esencial por se tratar dun modelo igualitario e de responsabilidade social.

Loading...