A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe no acto de entrega dos XIV Premios Moce -promovidos pola Fundación Ronsel coa colaboración da Xunta de Galicia, o BBVA e Quincemil- nos que destacou a importancia desta iniciativa para “impulsar e recoñecer” a actitude emprendedora de galegas e galegos e apoiar a creación de novas empresas que xeren riqueza na comunidade.
A Xunta de Galicia, avanzou, continúa comprometida co deseño de políticas activas de emprego enfocadas a impulsar, entre outros, o emprendemento a través do emprego autónomo e a economía social. En liña co obxectivo destes galardóns, impulsar a actitude emprendedora, apoiando e destacando a importancia do autónomo para a economía galega, o Goberno galego ten en marcha diferentes iniciativas. Da man da Fundación Ronsel, conta, entre outros, co programa Mentoring Traballo Autónomo co que se busca impulsar a consolidación de empresas e negocios que xeren riqueza e emprego e vertebren o territorio.
En total, nesta edición ofértanse 200 prazas (pódense solicitar ata este domingo 30 de xuño) para recibir mentorización, unha fórmula que persegue desenvolver o potencial das persoas participantes e xerar un mercado laboral máis forte. Cómpre engadir que a edición de 2023 da iniciativa saldouse coa participación de 214 autónomos: principalmente mulleres (70%) con estudos universitarios ou de mestrado e dun tramo de idade comprendido entre os 30 aos 49 anos. Desde que naceu a iniciativa en 2020, a Xunta asesorou máis de 850 traballadores autónomos a través deste programa.
O Goberno galego está a apostar polo mentorado como unha ferramenta de desenvolvemento do potencial das persoas.
Como acción complementaria do programa, a Xunta apoia o subprograma Galicia Camiño Emprendedor, a través do que se organizan etapas anuais do Camiño de Santiago coa finalidade de impulsar o proceso de mentorización e reforzar as relacións profesionais das persoas participantes.
Entre outros beneficios, o Camiño serve como marco para incrementar as habilidades de comunicación e xerar alianzas profesionais. Do mesmo xeito, dáse pulo a negocios de hostalería e aloxamento vencellados coa ruta xacobea, que destacan pola súa singularidade ou polo traballo na defensa da tradición.
Os polos de emprendemento
Para impulsar o emprendemento en Galicia, a Xunta, ademais, conta coa Rede de polos con 13 centros activos nos que se prestou xa asesoramento a máis de 2.000 proxectos. O Plan de remuda, así mesmo, é outra das iniciativas autonómicas neste eido para garantir a continuidade dos negocios, constituíndose como unha bolsa de substitución de negocios.
Este Plan completase cunha orde de axudas para impulsar os procesos de remuda xeracional, destinada a financiar parte dos gastos aboados en concepto de traspaso polas persoas que se fagan cargo dos negocios, facilitando a actividade.
Para rematar, a directora xeral, ademais de expoñer as diferentes actuacións da Xunta no ámbito do emprendemento, incidiu na aposta do Goberno galego polo diálogo e pola colaboración público-privada para seguir a facer de Galicia unha terra de oportunidades.