A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, clausurou hoxe en Santiago o acto de recoñecemento dunha decena de entidades formativas por parte de Clece, no que se compartiron casos de alumnado que atopou unha oportunidade laboral neste grupo. Na súa intervención, Lado aludiu ás ferramentas coas que o Goberno galego vén apoiando estas organizacións, para cubrir a demanda existente en sectores como o sociosanitario.
En concreto, referiuse ás axudas á formacións para desempregados que se veñen de aprobar no último Consello da Xunta por 76 millóns de euros para beneficiar unhas 18.000 persoas de accións entre as que se priorizarán as especialidades máis demandadas polo tecido produtivo. Tamén outras como os programas integrados de emprego (PIE), cun orzamento de 10,3 millóns de euros e prazo de solicitude aberto, coa previsión de poñer en marcha uns 46 PIE que beneficien unhas 4.600 persoas desempregadas de información, orientación, asesoramento e formación para incrementar a súa inserción laboral.