Verín (Ourense), 10 de xuño de 2024

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, clausuraron a xornada O emprendemento feminino como motor do desenvolvemento rural celebrada esta mañá no Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Verín.

Na súa intervención, Marta Mariño sinalou que nos Polos da provincia de Ourense –Verín, O Carballiño, Baños de Molgas e O Barco– se atenderon un total de 371 proxectos, e puxo en valor a puxanza do emprendemento feminino, pois o 59% das máis de 330 persoas atendidas neles son mulleres.

Nesta liña, a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social fixo fincapé no potencial do rural para poñer en marcha novos negocios. Boa mostra disto, sinalou, son os proxectos creados e dirixidos polas mulleres que acudiron aos Polos. Algúns, puntualizou, en sectores tradicionalmente masculinizados.

A directora xeral de Promoción da Igualdade destacou, pola súa banda, que Galicia é unha das comunidades con mellores datos de emprendemento feminino, e reivindicou o papel das mulleres que viven no rural. Con todo, recoñeceu que seguen persistindo diferenzas entre as oportunidades de mulleres e homes e apelou a seguir rompendo estereotipos e fendas de xénero.

Neste sentido, María Quintiana garantiu que a Xunta de Galicia seguirá traballando para que as mulleres ocupen o lugar que sempre deberon ocupar na sociedade e destacou, entre outras iniciativas do Goberno galego, o programa Emega, que apoia a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais creadas por mulleres, facendo especial fincapé nos sectores nos que aínda non teñen moita presenza.

Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego da provincia de Ourense

Segundo engadiu a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, nos Polos da provincia de Ourense a maioría das iniciativas están vinculadas ao sector servizos, seguidas das de hostalaría e comercio. Coas persoas emprendedoras que se acolleron a esta iniciativa leiro de titorías, máis de 500 de maneira online e preto de 500 de xeito presencial.

No caso do Polo de Verín, Marta Mariño explicou que se puxo en marcha en xullo de 2022 e que foi o primeiro da Rede en entrar en funcionamento. Neste tempo, atendeu máis de 164 proxectos, e entre eles predominan os relacionados co sector servizos, seguidos dos de agricultura e gandería e de hostalaría. Das 140 persoas atendidas neste Polo, máis do 60% son mulleres.

Loading...