Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, mantivo esta semana unha xuntanza co presidente da Asociación de Traballadores Autónomos -ATA- Galicia, Rafael Granados, para afondar nas necesidades desta entidade e do colectivo e na que destacou a aposta do Goberno galego para favorecer a remuda xeracional nos negocios.

Neste eido, abordaron entre outras cuestións, o Plan de remuda para garantir a continuidade dos negocios e que se complementa co Bono remuda, unha orde de axudas novidosa aprobada esta semana polo Consello da Xunta e publicada no Diario Oficial de Galicia. O orzamento destinado a esta convocatoria é de 1,5 millóns de euros e busca garantir a permanencia dos negocios no tecido produtivo galego.

Este Plan desenvólvese ao abeiro da Rede de polos que ten 13 centros activos e ao que se levan adherido máis de 100 empresas para buscar novas persoas que se poñan á fronte e que asesora proxectos en calquera das fases en que se atopen, de principio a fin. Con isto, expuxo o conselleiro, o Goberno galego busca facilitar que as persoas interesadas en emprender poidan facerse co traspaso dun negocio xa viable economicamente ao tempo que se promove a remuda xeracional.

Neste ámbito, tamén se porá en marcha unha análise comarcal para determinar que negocios se requiren en cada contorna. Nela incluiranse tanto novos negocios como aqueles que, sendo rendibles, teñen previsto pechar por falta de remuda.

Todo isto enmárcase na aposta da Xunta por ser unha Administración facilitadora do labor do colectivo de autónomos e a ela súmanse as axudas que pon á súa disposición para manter e motivar a súa actividade. Trátase de apoios que se enmarcan na Axenda Impulso Autónomo Horizonte 2027, que rexerá as políticas públicas de apoio ao traballo autónomo durante os próximos anos.

Escoita activa

Este encontro enmárcase no proceso de escoita activa iniciado por José González o pasado mes de abril cos principais axentes económicos e sociais de Galicia para coñecer as súas demandas de primeira man. Súmase a outras xuntanzas, entre elas á da Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas (APE-Galicia) e a da Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos-Asociación Galega de Traballadores Autónomos e do Mar (UPTA-Agtamar), tamén deste colectivo que en Galicia representa case o 20% do total de afiliacións e que a sitúa como a primeira comunidade con maior peso ao respecto. Nestas reunións está a incidir na importancia da colaboración público-privada e no diálogo para seguir impulsando a actividade económica en Galicia.

Loading...