Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, esta consellería asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.
Corresponde pois, á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, para o exercicio orzamentario 2024, a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as que están as medidas dirixidas, por unha banda, a fomentar a creación de emprego de calidade e, por outra, a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia europea para o emprego, do Programa nacional de reformas, do respectivo Plan anual de política de emprego (PAPE), e no eido da colaboración institucional.
As circunstancias excepcionais de crise económica resultantes da pandemia provocada polo coronavirus COVID-19 agraváronse polos importantes efectos económicos derivados da invasión de Ucraína por parte de Rusia, que está ocasionando graves consecuencias desde o punto de vista económico a nivel europeo, xa que se está a producir un grande incremento dos custos enerxéticos, xunto co encarecemento das materias primas agrícolas e minerais, o que implica a necesidade de adoptar medidas que contribuían a paliar os efectos desta crise tamén sobre o mercado do traballo na nosa Comunidade Autónoma. Neste senso, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración segue apostando polo mantemento do emprego e da actividade económica das empresas, impulsando a contratación indefinida dos colectivos máis vulnerables.
Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L do 15 de decembro); ao Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño), e ao Regulamento (UE) núm. 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).
Establécese un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto do programa, non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.
Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión, no Decreto 11/2009, do 9 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xuño.
Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto e finalidade
Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e convocar para o ano 2024, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as axudas establecidas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ás entidades promotoras de programas de emprego con apoio para financiar os custos laborais e da Seguridade Social derivados da contratación dos preparadores e das preparadoras laborais que leven a cabo as accións de emprego con apoio, tanto no caso de novas contratacións como no caso de persoas preparadoras laborais que veñen prestando servizos na entidade (código de procedemento TR342A).
Entendese por emprego con apoio o conxunto de actividades de orientación e acompañamento individualizado que prestan, no propio posto de traballo, persoas preparadoras laborais especializadas ás persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, con especiais dificultades de inserción laboral e que realizan a súa actividade en empresas do mercado ordinario de traballo, en condicións similares ao resto dos traballadores e traballadoras que desempeñan postos de iguais ou similares características e que conten con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 2. Marco normativo
As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024; no que resulte de aplicación ao disposto na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.
Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L do 15 de decembro); ao Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo a aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño), e ao Regulamento (UE) núm. 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro). Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 300.000 euros nun período dos tres anos previos. Para as empresas do sector da pesca, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 40.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2.2 do Regulamento (UE) núm. 2023/2831.
Artigo 3. Principios de xestión
A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
Artigo 4. Orzamentos
1. Esta orde financiase con fondos finalistas procedentes do Servizo Público de Emprego Estatal e con cargo ao código de proxecto 2016 00309, da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, recollido na Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, por un importe total de 450.000 euros, coa seguinte repartición:
– 50.000 € na aplicación 44.04.322C.470.9.
– 400.000 € na aplicación 44.04.322C.481.9.
2. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e, de ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.
3. Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.
4. De se produciren remanentes de crédito na asignación inicial para o financiamento dunha aplicación orzamentaria, reasignaranse as contías sobrantes na outra, logo da modificación orzamentaria que proceda no expediente de gasto, e requirirá da súa aplicación nos mesmos medios que esta convocatoria, conforme o disposto no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
5. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, e dunha transferencia de crédito, ao tratarse dunha convocatoria de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 30.2 do seu regulamento de desenvolvemento.
Artigo 5. Persoas e entidades beneficiarias
Poderán promover proxectos de emprego con apoio e ser beneficiarias das correspondentes subvencións reguladas nesta orde as seguintes entidades:
1. As asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro que subscriban o correspondente convenio de colaboración, segundo o previsto no artigo 9, coa empresa que vai contratar as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social ás cales se lles vai prestar o emprego con apoio e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter por obxecto social, entre outros, a inserción laboral ou a creación de emprego a favor de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.
b) Contar no seu cadro de persoal con persoas preparadoras laborais especializadas que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10, así como dispor dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento axeitado dos programas de emprego con apoio.
c) Ter experiencia acreditada no desenvolvemento de programas de integración laboral de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.
d) Desenvolver as actividades de emprego con apoio de modo gratuíto, sen que caiba o cobramento ou a percepción de ningún tipo de cantidade ou tarifa a persoas traballadoras ou empresarios e empresarias.
2. Os centros especiais de emprego, cualificados e inscritos como tales no Rexistro administrativo de centros especiais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, que subscriban un convenio de colaboración, segundo o previsto no artigo 9, coa empresa que vai contratar persoas traballadoras con discapacidade procedentes do cadro de persoal do mesmo centro ou doutros centros especiais de emprego.
Tamén as empresas de inserción, debidamente inscritas no Rexistro de empresas de inserción da Comunidade Autónoma de Galicia que subscriban convenio de colaboración coa empresa que vai contratar persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social procedentes do cadro de persoal da mesma empresa ou doutras empresas de inserción.
Os centros especiais de emprego e empresas de inserción deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Contar no seu cadro de persoal con persoas preparadoras laborais especializadas que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10, así como dispor dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento axeitado dos programas de emprego con apoio.
b) Desenvolver as actividades de emprego con apoio de modo gratuíto, sen que caiba o cobramento ou a percepción de ningún tipo de cantidade ou tarifa a persoas traballadoras ou empresarios e empresarias.
3. As empresas do mercado ordinario de traballo, incluídas as persoas traballadoras autónomas, con domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia, que contraten as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que poidan ser beneficiarias das accións de apoio, sempre que conten no seu cadro de persoal con persoas preparadoras laborais especializadas que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10, e que dispoñan dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento axeitado dos programas de emprego con apoio.
As empresas que teñan cincuenta ou máis persoas traballadoras deberán cumprir a cota de reserva para persoas con discapacidade, conforme se dea ocupación, polo menos, ao 2 % de traballadores e traballadoras con discapacidade sobre o total das persoas traballadoras ou, na súa falta, as medidas de carácter excepcional establecidas no artigo 42 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e reguladas no Real decreto 364/2005, do 8 de abril (BOE núm. 94, do 20 de abril). Para o cómputo do número de persoas traballadoras da empresa teranse en conta as regras previstas na disposición adicional primeira do devandito real decreto.
4. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas e as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.
5. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
6. Non poderán obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria as solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
7. No caso de que a entidade solicitante sexa unha institución sen ánimo de lucro, a certificación de estar ao día coas obrigas a que fai referencia o artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderá ser substituída por unha declaración responsable a que se refire o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 6. Requisitos específicos das persoas e entidades beneficiarias
Xunto co disposto no artigo 5, os requisitos exixidos para ser persoa ou entidade beneficiaria son os que se indican no modelo de solicitude (anexo I), no cal vén recollida unha declaración responsable da persoa ou entidade solicitante, de obrigado cumprimento, onde manifestará:
1. Que coa presentación da solicitude acepta a subvención.
2. O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes
3. As axudas concedidas en réxime de minimis.
4. Respecto das persoas preparadoras laborais e das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social apoiadas:
4.1. Que dispón dos documentos asinados polas persoas sinaladas en que autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos, conforme o modelo do anexo III, documentos que poden ser requiridos pola Administración en calquera momento.
4.2. Que as ditas persoas están informadas dos seguintes aspectos:
– Da comunicación dos seus datos á Administración para o seu tratamento no ámbito das competencias e de acordo cos fins do procedemento administrativo.
– Da posibilidade de que a Administración realice as consultas precisas para comprobar, entre outros aspectos, a súa veracidade.
– Do dereito de oposición que as asiste a que a Administración trate os seu datos, suposto no que deberá comunicar á súa oposición á administración aos efectos oportunos.
5. Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
6. O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, especificamente, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
7. Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
8. Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
9. Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
10. Que subscribiu o correspondente convenio de colaboración, segundo o disposto no artigo 9 desta orde.
11. Que ten por obxecto social, entre outros, a inserción laboral ou a creación de emprego a favor de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, no caso de ser unha entidade sen ánimo de lucro.
12. Que conta no seu cadro de persoal con persoas preparadoras laborais que cumpren os requisitos establecidos nesta orde.
13. Que dispón dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento axeitado dos programas de emprego con apoio.
14. Que ten experiencia acreditada no desenvolvemento de programas de integración laboral de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.
15. Que desenvolverá as actividades de emprego con apoio de modo gratuíto.
16. Se for o caso, que a empresa cumpre coa cota de reserva para persoas con discapacidade, conforme o disposto no segundo parágrafo do artigo 5.3 desta orde.
17. Que non incorre en ningunha das incompatibilidades sinaladas no artigo 12.
Artigo 7. Accións subvencionables
1. Este programa subvenciona as entidades promotoras de proxectos de emprego con apoio no financiamento dos custos laborais e de Seguridade Social derivados da contratación dos preparadores e das preparadoras laborais que leven a cabo as accións de emprego con apoio, tanto nos casos de novas contratacións como nos casos de persoas preparadoras laborais que veñen prestando servizos na entidade.
Trátase de favorecer a integración laboral das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social con especiais dificultades para a súa inserción laboral, favorecendo a súa integración en empresas con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia mediante a implementación de accións de emprego con apoio. Exclúense os centros de traballo das administracións públicas e das entidades vinculadas ou dependentes delas.
2. As accións de emprego con apoio desenvolveranse no marco de proxectos de emprego con apoio, nos cales se deberán recoller, polo menos, as seguintes accións:
a) Orientación, asesoramento e acompañamento á persoa traballadora apoiada, elaborando para cada persoa traballadora un programa de adaptación ao posto de traballo.
b) Labores de achegamento e axuda mutua entre a persoa traballadora beneficiaria do Programa de emprego con apoio, o empregador ou empregadora e o persoal da empresa que comparta tarefas coa persoa traballadora apoiada.
c) Apoio á persoa traballadora no desenvolvemento de habilidades sociais e comunitarias, de modo que se poida relacionar coa contorna laboral nas mellores condicións.
d) Adestramento específico da persoa traballadora apoiada nas tarefas inherentes ao posto de traballo.
e) Seguimento da persoa traballadora apoiada e avaliación do proceso de inserción no posto de traballo. Estas accións terán por obxecto a detección de necesidades e a prevención de posibles ameazas ou riscos, tanto para a persoa traballadora como para a empresa que a contrata, que poñan en perigo o obxectivo de inserción e a permanencia no emprego.
f) Asesoramento e información á empresa sobre as necesidades e os procesos de adaptación do posto de traballo.
Artigo 8. Persoas destinatarias finais
1. As persoas que reciben as accións de apoio prestadas polas persoas preparadoras laborais serán traballadores e traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, que figuren inscritas nos servizos públicos de emprego como demandantes de emprego non ocupados, así como traballadores e traballadoras con discapacidade procedentes de centros especiais de emprego ou persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social procedentes de empresas de inserción. Tamén serán beneficiarias as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social na empresa ordinaria, segundo o disposto nos puntos 4 e 5 deste artigo, sempre que, en todos os casos, se atopen nalgún dos supostos que se describen a continuación:
a.1) Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
a.2) Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %.
b) Persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
c) Persoas xordas e con discapacidade auditiva cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
d) Persoas en situación ou en risco de exclusión social recoñecido polo órgano competente en materia de servizos sociais da Xunta de Galicia que non teñan ningunha das discapacidades indicadas nas letras anteriores.
e) Persoas con capacidade intelectual límite.
2. Non obstante, non se requirirá a inscrición no Servizo Público de Emprego de Galicia no caso de persoas que estean nalgún dos casos recollidos no artigo 4.1.a) do Real decreto lei 1/2023, do 10 de xaneiro, de medidas urxentes en materia de incentivos á contratación laboral e mellora da protección social das persoas artistas.
Para os efectos desta convocatoria, considérase persoa que carece de ocupación aquela que non estea en situación de alta no día anterior á contratación que se subvenciona, segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional.
3. As ditas persoas traballadoras deberán ser contratadas por unha empresa ou persoa empregadora do mercado ordinario de traballo para seren empregadas efectivamente na organización produtiva da empresa.
4. No caso de que a persoa traballadora con discapacidade contratada proceda dun centro especial de emprego, pasará á situación de excedencia voluntaria no dito centro nas condicións que establecen os artigos 46.2 e 5 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro e, de ser o caso, o convenio colectivo de aplicación.
5. Poderán recibir accións de emprego con apoio previstas no artigo 7 desta orde aquelas persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social traballadoras nas empresas cuxas accións de apoio non estean finalizadas aínda que comezasen en convocatorias anteriores, e co límite temporal establecido no punto 7 deste artigo.
6. Así mesmo, poderán recibir as accións de emprego con apoio as persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social sinaladas nas letras a), b), c), d) ou e) do punto 1 deste artigo que xa estivesen integradas no cadro de persoal da empresa e requiran o desenvolvemento das ditas accións como consecuencia dunha alteración das condicións da prestación do seu traballo ou da súa contorna social ou laboral que lles produzan graves problemas de adaptación que ameacen a continuidade da súa actividade produtiva e sempre que isto quede suficientemente acreditado.
7. Non se poderán outorgar subvencións conforme o previsto nesta orde referidas a unha mesma persoa traballadora con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social por tempo superior a dous anos. No suposto de persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 8.1. a), por tempo superior a 3 anos. As ditas limitacións temporais non se terán en conta cando se trate de tarefas ou postos distintos na mesma empresa ou de postos en diferentes empresas.
Artigo 9. Convenio de colaboración
1. As entidades promotoras de emprego con apoio sinaladas nos números 1 e 2 do artigo 5 deberán subscribir un convenio de colaboración coa empresa que vaia contratar ás persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou en risco de exclusión social destinatarias do emprego con apoio, co seguinte contido mínimo:
a) Identificación de ambas as dúas partes, facendo constar a denominación social, o domicilio e o número de identificación fiscal.
b) Compromiso da entidade promotora de levar a cabo todas as accións de adaptación ao posto de traballo de cada persoa traballadora incluída no proxecto de emprego con apoio, para o cal a empresa tamén se deberá comprometer a permitir e facilitar a tarefa do preparador ou da preparadora laboral e a favorecer os apoios internos ao longo do proceso de inserción.
c) Compromiso de ambas as dúas partes de que as accións de emprego con apoio se prestarán de forma gratuíta.
d) Número de persoas traballadoras con discapacidade que van recibir as accións de emprego con apoio, con indicación do tipo e grao de discapacidade, tipo e duración do contrato que se lles vai formalizar e do centro ou centros de traballo en que van efectuar a prestación laboral, así como a descrición de cada un dos postos de traballo.
e) Relación das persoas preparadoras laborais que van prestar o apoio ás persoas traballadoras con discapacidade, con indicación do tipo e duración do contrato de traballo formalizado, ou que van formalizar coa entidade promotora do emprego con apoio.
Artigo 10. Preparadores e preparadoras laborais
1. As accións de emprego con apoio serán levadas a cabo por persoas preparadoras laborais, que deberán estar en posesión dunha titulación mínima de formación profesional de grao medio ou equivalente e acreditar unha experiencia previa de polo menos un ano en actividades de integración laboral de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que as capacite para a realización das funcións propias do seu posto.
2. O tempo de atención a cada persoa traballadora con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social non poderá ser inferior á porcentaxe da xornada de traballo da dita persoa traballadora que se relaciona a continuación:
a) Un terzo no caso de persoas traballadoras con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
b) Un quinto no caso de persoas traballadoras con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %.
c) Un oitavo no caso de persoas traballadoras:
– Con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
– Persoas xordas e con discapacidade auditiva cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
– Persoas en situación ou risco de exclusión social.
d) Un doceavo no caso de persoas con capacidade intelectual límite.
Cando unha mesma persoa preparadora laboral lle preste apoio a máis dunha persoa traballadora con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, o tempo de atención conxunto será a suma dos tempos de atención de cada unha das ditas persoas traballadoras. En ningún caso un preparador ou preparadora laboral poderá atender simultaneamente máis de 3, 5, 8 ou 12 persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social dos grupos a), b), c) e d) antes sinalados, respectivamente, ou os equivalentes cando as persoas traballadoras atendidas pertenzan a distintos grupos.
Artigo 11. Contía dos incentivos
1. Os incentivos previstos nesta orde destinaranse a financiar os custos derivados da contratación das persoas preparadoras laborais que se xerasen ou se xeren durante o desenvolvemento das accións do emprego con apoio, dentro do período subvencionable, que abrangue entre o 1.10.2023 e o 30.9.2024, correspondendo os seguintes importes:
a) 8.500 euros anuais polo apoio a cada persoa traballadora das incluídas na alínea a.1) do artigo 8, contratada a xornada completa.
b) 5.500 euros anuais polo apoio a cada persoa traballadora das incluídas na alínea a.2) do artigo 8, contratada a xornada completa.
c) 3.500 euros anuais polo apoio a cada persoa traballadora das incluídas nas alíneas b), c) ou d) do artigo 8, contratada a xornada completa.
d) 1.625 euros anuais polo apoio a cada persoa traballadora das incluídas na alínea e) do artigo 8, contratada a xornada completa.
2. A contía base pola persoa preparadora laboral establécese en función do número das persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social ou de persoas con discapacidade apoiadas co tipo e grao indicados no artigo 8.
3. A contía base reducirase proporcionalmente en función da duración do contrato de cada persoa traballadora con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que recibe o apoio, así como en función da súa xornada no suposto de que o contrato sexa a tempo parcial.
4. Así mesmo, a contía base poderá incrementarse nas porcentaxes que se sinalan a seguir, segundo se dean as seguintes circunstancias (acumulables entre si) na persoa preparadora laboral contratada:
a) Un 25 %, se é unha muller.
b) Un 25 %, se é persoa maior de 45 anos.
c) Un 25 %, se é persoa emigrante retornada ou estranxeira.
d) Un 25 %, no caso de que o centro de traballo da entidade solicitante estea situado nun concello rural.
e) Un 25 %, se é persoa trans.
5. En ningún caso a contía da axuda poderá superar o 100 % dos custos laborais e de Seguridade Social da persoa preparadora laboral contratada para o desenvolvemento da actividade de emprego con apoio (excluído o concepto de desprazamento).
6. Cando un mesmo preparador ou preparadora laboral teña que prestar apoios a persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social en centros de traballo ou empresas de concellos distintos ao do seu centro de traballo, poderase conceder unha subvención en concepto de custos de desprazamento nunha contía máxima de 2.500 € por persoa preparadora laboral, sempre e cando o concepto de desprazamento conste no recibo mensual de haberes.
Artigo 12. Incompatibilidades e concorrencia
1. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro deste programa poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 100 % dos custos laborais e de seguridade social da persoa preparadora laboral subvencionada.
2. Estas subvencións son compatibles coas reguladas na Orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego (código de procedemento TR341K), sempre que os custos laborais e de Seguridade Social xerados pola contratación laboral dos preparadores ou das preparadoras laborais a que se refire o artigo 10 desta orde e os correspondentes ao período de contratación das persoas traballadoras da unidade de apoio á actividade profesional se imputen proporcionalmente en función da dedicación á unidade de apoio á actividade profesional ou ao proxecto de emprego con apoio, sempre que a suma total das dúas subvencións non supere tales custos.
3. No caso de empresas de inserción, as axudas ao emprego con apoio serán incompatibles coa axudas por persoal técnico en orientación e acompañamento á inserción que se establecen nas bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas de inserción (código de procedemento TR356A) e ás súas entidades promotoras.
Artigo 13. Solicitudes: forma, lugar e prazo de presentación
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente na sede electrónica da Xunta de Galicia a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede, https://sede.xunta.gal
Deberán cubrirse, necesariamente, todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios; unicamente serán válidas as solicitudes que se presenten no modelo establecido.
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas ou entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 30 de setembro de 2024.
5. A presentación das solicitudes supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiarias da axuda, así como a aceptación da subvención, de ser persoa ou entidade beneficiaria dela.
Artigo 14. Documentación complementaria
1. As persoas ou entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación.
a) Se a solicitante é unha persoa xurídica, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade. Quedan exceptuadas da dita presentación as persoas ou entidades inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.
b) Convenio de colaboración entre a entidade promotora do emprego con apoio e a empresa empregadora, establecido no artigo 9, se é o caso.
c) Certificado de discapacidade das persoas traballadoras que van recibir o apoio nos casos de discapacidade recoñecida fóra de Galicia.
d) Documentación acreditativa da situación ou risco de exclusión social das persoas traballadoras que van recibir o apoio, no caso de que non sexan perceptoras da renda de inclusión social de Galicia ou do ingreso mínimo vital.
e) Documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa traballadora contratada como preparadora e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vínculo con esta, no caso de solicitar o incremento de persoa emigrante retornada.
f) Certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España, no caso de solicitar o incremento de persoa emigrante retornada para a persoa preparadora.
g) Documentación que xustifique ter obtido ante o Rexistro Civil a rectificación da mención relativa ao sexo ou ben o cambio de nome para a asignación dun sexo diferente ao rexistrado ao nacer, no caso de solicitar o incremento por persoa trans.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa ou entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa ou entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa ou entidade interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa ou entidade interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas ou entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.
As persoas ou entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa ou entidade interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código do procedemento (TR342A) e o órgano responsable, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Artigo 15. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento o órgano xestor da axuda consultará automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa ou entidade interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante ou representante
b) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.
c) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.
d) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.
e) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
f) Consulta de concesións pola regra de minimis.
g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
h) Consulta de inhabilitación para obter subvencións.
i) DNI ou NIE das persoas preparadoras laborais polas que se solicita a subvención e das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que reciben apoio.
j) Contratos de traballo das persoas preparadoras laborais polas que se solicita a subvención e das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que reciben apoio.
k) Informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social das persoas preparadoras laborais polas cales se solicita a subvención e das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que reciben apoio.
l) Inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego, relativa ás persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que reciben o apoio, de ser o caso.
m) Titulación universitaria e non universitaria das persoas preparadoras laborais.
2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia, relativo ás persoas con discapacidade que reciben apoio.
b) Certificado de prestacións sociais públicas da persoa en risco de exclusión social que recibe apoio ou de percepción do ingreso mínimo vital.
c) Certificado relativo aos datos de residencia con data de última variación no padrón das persoas preparadoras laborais polas que se solicita subvención, de ser o caso.
3. No caso de que as persoas ou entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa ou entidade interesada para realizar a consulta.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas ou entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
5. A persoa solicitante asinará na declaración responsable que forma parte da solicitude que dispón dos documentos asinados pola persoa ou persoas preparadoras laborais ou persoas traballadoras que reciben o apoio, en que autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos, conforme o modelo do anexo III. O devandito documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento.
Así mesmo, no caso de que algunha persoa preparadora laboral ou persoa traballadora que recibe o apoio se opoña á comprobación de datos, farao constar na dita declaración responsable e, consecuentemente, presentará os documentos que os acrediten.
Artigo 16. Emenda das solicitudes
Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa ou entidade solicitante para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días hábiles, e indicaralle que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa solicitude, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 17. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas ou entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa ou entidade interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 18. Competencia para instruír e resolver
1. A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións previstas nesta orde corresponderalle, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais.
2. O órgano competente para a instrución dos expedientes será a Subdirección Xeral de Emprego da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Artigo 19. Procedemento de concesión, instrución e tramitación
1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde é de concorrencia non competitiva e, polo tanto, axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.
2. Entenderase que a empresa desiste da súa solicitude cando a persoa preparadora pola que se solicita subvención cause baixa por despedimento na entidade solicitante en data anterior á resolución da concesión da axuda. A empresa solicitante está obrigada a comunicar esta situación ao órgano ante o que solicitou a axuda.
3. En aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e ao ser unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data en que se presentase a documentación completa requirida nestas bases reguladoras.
Artigo 20. Resolución e recursos
1. A resolución de outorgamento da subvención comprenderá a identificación da persoa ou entidade beneficiaria e a contía da subvención. A resolución de concesión emitirase atendendo ás manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscritas pola persoa que as realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade reguladas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
Na resolución de concesión as persoas beneficiarias serán informadas de que estas axudas se someten ao Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, e aos regulamentos (UE) núm. 717/2014, do 27 de xuño de 2014 (sector pesca e acuicultura), e núm. 1408/2013, do 18 de decembro (sector agrícola).
2. Tendo en conta que os requisitos para ser persoa ou entidade beneficiaria desta axuda se deben cumprir con anterioridade á presentación da solicitude e que as obrigas asumidas pola persoa ou entidade beneficiaria se recollen na presente orde no artigo 24, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e enténdese aceptada coa presentación da solicitude.
3. Así mesmo, no caso de que o remanente de crédito existente nun proxecto sexa inferior ao importe que correspondería conceder segundo as contías establecidas no artigo 11, poderase conceder a axuda polo importe do remanente existente, logo da aceptación pola persoa ou entidade solicitante, mediante reformulación da súa solicitude.
4. O prazo para resolver e notificar é de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 21. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas ou entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas ou entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través so Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas ou entidades interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuadas a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 22. Modificación da resolución de concesión
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 23. Xustificación e pagamento
1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa no prazo, nos termos e no modo que se exixan de forma expresa na resolución de concesión e, de ser o caso, antes do 15 de outubro de 2024.
2. Excepcionalmente e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación que non exceda a metade deste. O acordo de ampliación deberá ser notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.
3. A documentación que se deberá presentar é a seguinte:
a) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, así como unha declaración das axudas de minimis obtidas no exercicio corrente e nos dous anteriores, segundo o modelo anexo II.
b) Certificación dos gastos relativos ás persoas preparadoras laborais e das actuacións desenvolvidas coas persoas con discapacidade ou situación ou risco de exclusión social que recibiron as acción de apoio, segundo o modelo que consta na sede electrónica da Xunta de Galicia.
c) De ser o caso, declaración asinada pola entidade e pola persoa preparadora laboral, relativa aos custos reais aboados, relacionando os desprazamentos aos concellos polos cales se xustifica a subvención, segundo o modelo que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 24. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias e supostos de reintegro
1. Son obrigas xerais das persoas e entidades beneficiarias das subvencións as seguintes:
a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.
b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
c) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.
d) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con fondos recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), e colocar e manter durante un mínimo de 12 meses, un cartel, en cor e formato A3, nun lugar visible do centro de traballo e da páxina web, segundo o modelo que consta na sede electrónica da Xunta de Galicia.
e) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde.
f) Notificar a totalidade das axudas obtidas, dentro do réxime de minimis en que se encadra esta orde e sinalar, ademais, cales destas se obtiveron para a mesma finalidade.
g) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.
h) Manter no seu poder o anexo III de comprobación de datos de terceiras persoas. Estes documentos poderán ser requiridos pola Administración pública en calquera momento
Así mesmo, deberá informar as persoas cuxos contratos laborais se subvencionan ao abeiro desta orde dos seguintes aspectos:
– Da comunicación dos datos á Administración para o seu tratamento no ámbito das competencias e de acordo cos fins do procedemento administrativo.
– Da posibilidade de que a Administración realice as consultas precisas para comprobar, entre outros aspectos, a súa veracidade.
– Do dereito de oposición que as asiste a que a Administración trate os seu datos, suposto en que deberá comunicar á súa oposición á Administración para os efectos oportunos.
i) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
– Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos establecidos no artigo 24 desta orde.
No caso de incumprimento da obriga indicada na alínea 1.d) deste artigo e non enviar a fotografía co cartel identificativo dos fondos recibidos en prazo, procederá o 2 % de reintegro da axuda total percibida ao abeiro desta convocatoria.
2. Son obrigas específicas das entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde as seguintes:
Manter os postos de traballo das persoas preparadoras laborais polo período subvencionado. Cando se produza unha baixa dun preparador ou preparadora laboral, deberá ser comunicada pola entidade beneficiaria á Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que concedeu a subvención. A substitución do preparador ou da preparadora laboral deberá realizarse con outro profesional que reúna os mesmos requisitos exixidos para a concesión da subvención e terá que realizarse no prazo dun mes desde a data da baixa. A empresa disporá do prazo dun mes para comunicar a baixa e substitución da persoa preparadora laboral.
Unha vez realizada a substitución, deberá ser comunicada pola entidade beneficiaria, no prazo de 5 días, á Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que concedeu a subvención, mediante o modelo de declaración que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia, en que figurará a declaración estipulada no artigo 6.4, en que se fará constar que a persoa ou entidade solicitante ten no seu poder as autorizacións necesarias para que o órgano xestor da axuda poida realizar as comprobacións sinaladas no artigo 15.
No caso de extinción da relación laboral, farase constar que non foi causada por despedimento improcedente.
3. No suposto de non manter os postos de traballo das persoas preparadoras laborais polo total do período subvencionado, ou de non cumprir as condicións de apoio ás persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social previstas nesta orde, procederá a perda parcial do dereito ao cobramento da subvención concedida e, se é o caso, o reintegro das contías percibidas.
Será causa de revogación total da subvención concedida e, se é o caso, de reintegro das subvencións percibidas pola contratación do preparador ou preparadora laboral, o seu despedimento declarado ou recoñecido improcedente.
4. Aos centros especiais de emprego que perciban as subvencións deste programa seralles de aplicación, para os efectos de seguimento e control, o disposto no artigo 13 do Real decreto 2273/1985, do 4 de decembro, polo que se aproba o Regulamento dos centros especiais de emprego, e deberán achegar a memoria anual conforme o previsto no artigo 8 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento.
Artigo 25. Devolución voluntaria da subvención
De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas ou entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta de Abanca ES82 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.
En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que consten a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.
Artigo 26. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da referida Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que daquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.
Artigo 27. Seguimento e control
1. Sen prexuízo das facultades que teñen atribuídos outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.
2. A Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, a persoa beneficiaria deberá cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.
3. Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios, tanto propios como alleos, estean ao dispor da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.
Disposición adicional primeira. Delegación de competencias
Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas ou entidades beneficiarias, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.
Disposición adicional segunda. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).
Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento
Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións, instrucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 23 de maio de 2024
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración