O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realicen algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei este persoal organizarase en grupos operativos. 

Mediante a Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), onde se establecen a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte, dun xeito coordinado, ás emerxencias que se poidan producir en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2024, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria do curso sobre intervención en emerxencias para o persoal dos grupos de emerxencia supramunicipais (GES), conforme as seguintes bases:

Primeira. Datos da actividade

TipoCurso
DenominaciónIntervención en emerxencias para o persoal dos grupos de emerxencia supramunicipais (GES)
ModalidadeSemipresencial
Edicións1
Horas lectivas70
Prazas por edición25

Segunda. Obxectivos e contido

Obxectivos: impartir unha formación especializada nuns niveis de capacitación suficientes para que o persoal que participou nunha convocatoria para os grupos de emerxencia supramunicipais e poidan ingresar neses ou se atopa nas listas de reserva e poida, se fora o caso, comezar a asumir as súas funcións.

Contido: o contido estrutúrase en bloques relativos aos principais riscos e emerxencias nos cales, segundo as estatísticas da Xunta de Galicia, intervirá este persoal:

1. Módulo 1: primeiros auxilios (7 horas).

2. Módulo 2: actuacións en caso de accidente de tráfico (14 horas).

3. Módulo 3: extinción de incendios urbanos e industriais (28 horas).

4. Módulo 4: intervención en incendios forestais (21 horas).

Todos os temas inclúen exercicios prácticos sobre os temas tratados e haberá unha proba final de conxunto.

Terceira. Destinatarios/as

O curso vai dirixido ao persoal que participou nunha convocatoria para os grupos de emerxencia supramunicipais e poidan ingresar neles ou se atopa nas lista de reserva.

Cuarta. Requisitos de participación dos/das solicitantes

1. Requisitos xerais: os/as solicitantes deben ter a condición descrita na base terceira para estes colectivos.

2. Requisitos físicos/psíquicos: os/as solicitantes deberán acreditar que non padecen enfermidade nin están afectados/as por limitación física ou psíquica incompatible coa realización das accións formativas ou co desempeño das funcións correspondentes ao curso a que se opta, mediante declaración que se efectuará xunto coa solicitude de matrícula no curso, e será obriga de cada alumno/a poñer en coñecemento da Agasp calquera alteración relacionada con ela.

3. Os requirimentos técnicos para usar a web dos cursos da Agasp (baseada nunha ferramenta de aprendizaxe electrónica ou e-learning) son de nivel básico: 

Aspectos recomendables para o PC: 

• A configuración mínima dun PC doméstico (en xeral, calquera con menos de cinco anos) é suficiente. 

• Preferentemente conexión á internet de banda larga e un antivirus actualizado. 

• Navegador: Mozzila Firefox 2 (recomendado), Microsoft Edege ou superior ou Google Chrome. 

• Ter Javascript e cookies activadas no navegador. 

• Para ver os documentos en pdf, necesítase ter instalado Acrobat Reader. 

• Para que funcionen algúns elementos correctamente, necesítase ter instalado o Adobe Flash Player.

Quinta. Desenvolvemento da actividade

Datas:

Desde o 10 de xuño ata o 5 de xullo de 2024.

O curso desenvolverase na súa modalidade semipresencial.

– Desenvolvemento da carga horaria teórica: 

1. Desenvólvese en liña.

2. A través da plataforma de formación da Agasp.

3. Datas: as edicións realizaranse segundo se especifica no calendario do curso.

4. Horario: segundo disposición e necesidade do alumnado. Axustarase ao calendario establecido no propio curso.

– Desenvolvemento da carga horaria práctica:

1. Lugar e data: realizarase presencialmente nas instalacións da Agasp nas datas establecidas no calendario do curso.

2. Horario: xornada continua, de luns a venres.

O alumnado deberá acceder ao curso dentro dos primeiros dous días hábiles (excluídos sábados, domingos e festivos) a partir da data de inicio.

As persoas que non accedan ao curso no prazo indicado serán dados de baixa nel, sen prexuízo de que poidan ser penalizados coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de seis (6) meses.

3. Desenvolvemento: o alumnado participante deberá realizar a través da plataforma de formación da Agasp, e de acordo cun calendario de presentación, as actividades incluídas no curso, que son: 

• Visualización dos contidos. 

• Superación dos cuestionarios. 

• Cumprimento das tarefas segundo as exixencias indicadas. 

O/a alumno/a que non realice algunha desas actividades no prazo establecido será sancionado/a coa baixa no curso, sen prexuízo de que poida ser penalizado/a coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de seis (6) meses. 

No suposto de que as actividades realizadas non acaden un nivel de exixencia mínimo segundo o criterio do equipo docente, farase unha primeira advertencia ao alumnado e, de non atender a indicación, poderá ser dado de baixa no curso, sen prexuízo de que poida ser penalizado coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de seis (6) meses.

Uniformidade: na parte presencial o persoal deberá asistir aos cursos provisto do seguinte material:

1. Bota de media cana con punteira de seguridade e plantilla antipunzamento.

2. Funda ignífuga.

3. Casco F2 Gallet, HPS3000 ou similar con lentes de seguridade.

4. Guantes ignífugos de intervención.

5. Verdugo ignífugo.

Sexta. Prazo de inscrición

O prazo de inscrición é ata o 5 de xuño de 2024 a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

a) Os concellos interesados que conten con grupo de emerxencia supramunicipal (GES) remitiranlle á Agasp:

• A lista de persoas que poidan ingresar nos grupos de emerxencia supramunicipais (GES), no caso de que existan vacantes na data de convocatoria do curso (segundo o modelo do anexo I desta convocatoria).

• A lista de persoas que se atopen na lista de reserva (segundo o modelo do anexo II desta convocatoria).

Para ambos os casos o concello achegará cuberta unha ficha cos datos de cada unha das persoas (segundo o modelo do anexo III desta convocatoria).

Nas listas remitidas terá prioridade o número un e así sucesivamente.

b) Os datos mencionados no punto anterior poderán ser comunicados por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal

c) As persoas seleccionadas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp recibirán unha mensaxe de correo electrónico para darse de alta nesta.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 37886 20 61 38 e 886 20 61 11 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, que adoptará as medidas necesarias.

Sétima. Criterios de selección do alumnado participante

7.1. Terán prioridade as persoas que poidan ingresar de forma directa para cubrir vacantes existentes na data de convocatoria do curso nun grupo de emerxencia supramunicipal (GES).

7.1.a) As prazas ofertadas repartiranse de xeito homoxéneo entre os distintos concellos, dando prioridade ás entidades por orde de chegada da solicitude e polo número de orde da lista empezando polo número un.

7.1.b) Adxudicarase a primeira praza á primeira entidade solicitante, a segunda praza á segunda e así sucesivamente. Unha vez repartidas as primeiras prazas de cada entidade solicitante, reiniciarase o proceso para a primeira e seguirase o proceso anterior. 

7.2. De existiren prazas vacantes unha vez aplicado o criterio anterior, seleccionarase as persoas da lista de reserva que non teñan o curso de GES. 

Priorizaranse, en primeiro lugar, aqueles concellos que non teñan ningunha persoa da lista de reserva que conte co curso, por telo feito en edicións anteriores, aplicando os criterios dos puntos 7.1.a) e 7.1.b).

Así mesmo, respectando a orde anterior, en segundo lugar, dentro dos concellos que teñan algunha persoa da lista de reserva que conte co curso GES, daráselle prioridade aplicando tamén os criterios 7.1.a) e 7.1.b).

Oitava. Publicación das relacións do persoal seleccionado

A Agasp publicará, na súa páxina web http://agasp.xunta.gal, unha relación das persoas que participarán en cada edición do curso, de acordo co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Ademais, para unha maior difusión serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

De acordo ao establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro), as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia, imposibilidade que se ten que comunicar cunha antelación de tres días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante. A devandita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo: formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal

Novena. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp.

Décima. Faltas de asistencia

O Regulamento de réxime interior da Agasp regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

1. A realización das actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria, a non realización destas deberá xustificarse debidamente e penalizarase disciplinariamente en caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto, e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estivese motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitirlle á/ao alumna/o poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non chegasen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso a xefatura de ensino proporá ao director xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/do alumna/o ao longo do curso.

Décimo primeira. Certificado de aproveitamento

Ao remate da actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

Décimo segunda. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar, mediante resolución do director xeral e sen necesidade de nova publicación, o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir, polo mesmo procedemento, o curso, cambiar as datas de realización, ampliar novas edicións ou prazas deste, ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia, especificamente, poderase suprimir o curso cando o alumnado admitido antes da data de inicio deste non supere o 50 % das prazas convocadas.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, coa antelación posible en función da data do curso e para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

Así mesmo, facúltase o director xeral para ditar resolución sen necesidade de nova publicación para interpretar, se for o caso, o desenvolvemento da convocatoria ou docencia.

A Estrada, 27 de maio de 2024

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

Loading...