Ourense, 28 de maio de 2024

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, salientou hoxe a aposta da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pola educación non formal en actividades de tempo libre e de lecer como un ferramenta “útil e con gran potencial” para que a mocidade galega adquira novas habilidades que lle faciliten o acceso ao mercado laboral.

Así o puxo en valor na visita que realizou esta mañá á Escola de Tempo Libre Xirxilar, en Ourense, na que se está a celebrar un curso de monitor ou monitora de actividades de tempo libre en modalidade semipresencial e no que están a participar 9 mozas e mozos.

Meneses lembrou que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude conta con preto dun cento de escolas de educación no tempo libre que, durante o ano 2023, impartiron 79 cursos de monitor ou monitora de actividades de tempo libre, 5 cursos de director e directora de actividades de tempo libre e 2 cursos de persoal director de campos de voluntariado. Así mesmo, expedíronse un total de 1406 títulos de monitores, 67 de directores e 4 de directores de campos de voluntariado.

Do mesmo xeito, informou de que, no que levamos de 2024, as escolas de educación no tempo libre de Galicia impartiron 23 cursos de monitor de actividades de tempo libre, 1 curso de director de actividades de tempo libre e 1 curso de director de campos de voluntariado. Así mesmo, expedíronse un total de 283 títulos de monitores, 12 de dirección e 1 de dirección de campos de voluntariado.

Loading...