Santiago de Compostela, 28 de maio de 2024
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, compareceu esta mañá a petición propia no Pleno do Parlamento galego para dar conta dos eixes estratéxicos de actuación á fronte do departamento. En concreto, debullou as políticas e medidas previstas para que Galicia goce de emprego de calidade, cun mercado laboral dinámico e inclusivo e cun crecemento económico intelixente. Tamén para asegurar a competitividade e viabilidade do tecido comercial e para impulsar o retorno dos galegos no exterior.
Na súa intervención considerou fundamental continuar traballando da man da colaboración público-privada e do Diálogo Social, ao que quere dotar dunha maior profundidade e transversalidade. Nese senso, lembrou que desde a súa chegada á Consellería está a manter reunións cos axentes implicados na xeración de emprego en Galicia, nun proceso de escoita activa para deseñar políticas o máis acertadas posible.
Emprego
José González destacou que a Consellería que representa destinará case o 90% dos orzamentos deste ano a o eido do emprego, é dicir, 573,9 millóns de euros de 637,8 millóns. Toda unha declaración de intencións que se está a reflectir na mellora do mercado laboral, dixo, con datos históricos de paro á baixa e de afiliacións á alza e con Galicia co maior ritmo de subida dos salarios do conxunto das comunidades en comparación co ano 2009.
Co propósito de cubrir as arredor de 15.000 vacantes laborais existentes, puxo en valor novidades como a ferramenta pioneira EMi dispoñible nas 54 Oficinas de emprego de Galicia para casar oferta e demanda en tempo real mediante intelixencia artificial, á que se suman 140 orientadores laborais. Apuntou a unha mellora da prospección das necesidades das empresas mediante o impulso dun piloto en catro comarcas, nas que a través desa prospección máis afinada se poidan determinar os perfís profesionais requiridos en distintos sectores desa contorna, cun seguimento e titorización específicos.
Referiuse a outras iniciativas como proxectos de coworking e coliving para fixar poboación na Galicia non urbana, atraendo traballadores de alta cualificación que sexan nómades dixitais. A maiores, desenvolveranse espazos de experimentación para novos negocios ligados ao territorio, onde os emprendedores poidan testar os seus produtos ou servizos.
Así mesmo, citou o plan novo que cun orzamento de 2,25 millóns de euros impulsará o emprego feminino en sectores onde tradicionalmente predominan os homes.
Mirando á formación, o conselleiro destacou o Plan galego de formación para o emprego dotado con 117 millóns de euros este ano, avogando por unha maior flexibilidade a través de microformacións ad hoc en colaboración cos distintos sectores económicos co gallo de casar oferta e demanda. Nesa liña, apostou por unidades formativas nas empresas e por afondar no financiamento de ditas empresas que van contratar aos traballadores para que incidan efectivamente na impartición desas formacións.
Tamén amosou a súa intención de avanzar no proxecto piloto de formación para o arraigamento en colaboración con Cáritas e coa Federación de Escolas Familiares Agrarias (EFA) encamiñado á efectiva inserción laboral e social de persoas migrantes, ao tempo que considerou esencial que o Goberno central facilite os trámites de estranxeiría para acurtar os prazos da regularización.
Dentro deste capítulo, o conselleiro fixo especial fincapé no emprendemento, con ferramentas como a Rede de polos que ten 13 centros activos -coa previsión de abrir dous máis- e que xa leva atendido arredor de 1.900 iniciativas empresariais en total desde a súa posta en marcha hai case dous anos.
Ao abeiro desta Rede -salientou- está a funcionar un Plan de remuda para garantir a continuidade dos negocios, que se complementará cunha orde de axudas ao efecto para impulsar as transmisións de empresas. Nesa dirección, anunciou que tamén se porá en marcha unha análise de ámbito comarcal para determinar que negocios se requiren en cada contorna. Nesta análise incluiranse tanto novos negocios como aqueles que, sendo rendibles, teñen previsto pechar por falta de remuda, prestando especial atención ao comercio. Atenderase sobre todo ás vilas cabeceiras de cada unha desas comarcas.
Para darlle pulo aos traballadores autónomos, apostou por ser unha Administración facilitadora do seu labor, mediante achegas como a cota cero implantada este 2024 para as novas altas, que se suma a outras para apoialos no inicio da súa actividade, para que poidan contratar ou conciliar. Todo dentro da Axenda Impulso Autónomo Horizonte 2027.
Neste eido, González tamén aludiu ao traballo para a confección da Estratexia galega de emprendemento, así como ao futuro Centro de Orientación, Emprendemento, Acompañamento e Innovación (COE) que servirá -dixo- de ligazón entre as Oficinas de emprego e os Polos. Ademais, mencionou o Mapa de emprendemento virtual onde se integran os axentes, entidades, redes e recursos dispoñibles para iniciar negocio en Galicia.
No campo da economía social, resaltou que no que vai de ano xa se convocaron máis de 36 millóns de euros en axudas, impulsando a creación e consolidación de entidades e favorecendo o emprego inclusivo. Todo ao abeiro da 2ª Estratexia de Economía Social Horizonte 2027, coa que se persegue xerar 4.000 empregos, crear 400 novas entidades e posicionar o modelo nos sectores tecnolóxico e dixital, verde, industrial e sustentable.
Por último no ámbito do emprego, José González falou do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) e do seu inxente labor na procura de lugares de traballo seguros e saudables, con campañas e accións específicas no marco da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia Horizonte 2027.
Comercio
No referido ao comercio, o conselleiro recordou medidas recentes de éxito como a 5ª edición da campaña Bono Activa Comercio, que logrou mobilizar 12 millóns de euros en vendas con case 7.000 negocios adheridos en toda Galicia e que se reeditará en outono.
Coa ollada posta no futuro, aseverou que é primordial desenvolver unha estratexia que incremente a competitividade do sector do comercio retallista apoiándose nas novas tecnoloxías e incentivar un comercio especializado, de calidade, fortalecido e moderno, que promova a consumo responsable cunha actividade sostible.
Avogou por acometer un plan de remuda xeracional para garantir a continuidade dos establecementos rendibles, abordado dunha forma global e apoiando tanto ao que cesa na actividade como ao que a vai continuar. Ao abeiro desa folla de ruta, apostou por redefinir tamén a figura dos centros comerciais abertos cun enfoque de oferta integradora que contemple tanto os aspectos comerciais, de servizos e lecer, con elementos urbanísticos que axuden a construír unha cidade ou vila máis amable e con mellor calidade de vida.
Sobre os mercados e prazas de abastos, sinalou que deben reforzarse como espazos comerciais clave no eido da alimentación, destacando polo seu produto de km 0 e calidade diferenciada, pola sustentabilidade e confianza que xera a súa orixe e pola relación persoal coa clientela, promovendo a súa conversión en “Mercados Excelentes”.
Así mesmo, afirmou que se configurará un Mapa do comercio galego que determinará en cada comarca que tipo de comercio polo miúdo hai que manter de forma prioritaria.
Retorno
Canto ao eido da emigración, o conselleiro resaltou os apoios ás entidades e cidadáns galegos no exterior, así como os orientados á integración sociolaboral dos que deciden volver para sumarse ao crecemento da nosa Comunidade -ben como emprendedores, ben como traballadores- ao tempo que contribúen a afrontar o reto demográfico.
Poñendo o foco especialmente neste segundo grupo, e no marco da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, González referiuse ao Programa Retorna Cualifica Emprego, que se reeditará para seguir ofrecendo en orixe traballos de calidade cos que volver a Galicia, complementados con formación ao efecto e axudas para establecerse. Nomeou ademais as oficinas integrais de asesoramento e seguimento ao retorno habilitadas nas sete cidades galegas e outras ferramentas como as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior para fomentar a volta de xente nova con alta cualificación, as axudas ao autoemprego para retornados ou o Programa Merlo de mentorización para emprendedores.
Segundo o conselleiro, proba do tirón que ten Galicia -non só para os galegos residentes no exterior- son os datos da Rede de polos de emprendemento que reflicten que arredor do 20% dos que se achegan a estes centros proceden de fóra da Comunidade.