Vigo, 23 de maio de 2024
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, acompañou esta mañá a un grupo de mozos e mozas nunha visita ás instalacións da empresa TIC Imatia en Vigo, dentro das accións do programa Mentoring impulsado pola Xunta de Galicia co obxectivo de asesorar e formar a xuventude na súa transición á vida laboral tras rematar os estudos de grao ou Formación Profesional.
Na súa visita, Lara Meneses fixo fincapé na importancia que teñen estas visitas de coñecemento “de primeira man e por dentro” do funcionamento das estratexias dunha empresa, encadradas neste programa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Precisamente, recordou que obxectivo do Xuventude Mentoring é preparar a mocidade para a súa inserción laboral ofrecéndolle habilidades e competencias para o emprego, “e deste xeito conseguir mellorar a empregabilidade da xuventude”, valorou. O programa vai xa pola súa quinta edición cunha participación, ata o momento, de 1.200 persoas mozas cun exitoso resultado de inserción laboral.