Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 11 de maio de 2024
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, visitou esta mañá en Vilagarcía de Arousa a consultora Craftium, unha das empresas beneficiarias do programa Investigo que promoverá este ano en Galicia a contratación de 152 persoas desempregadas menores de 30 anos en actividades de I+D+i. Delas, dúas traballarán neste centro arousán, unha xa incorporada e a outra con previsión de entrar en breve.
Trátase da terceira convocatoria deste plan da Xunta que busca xerar emprego xuvenil no eido da investigación, a tecnoloxía e a innovación. Neste 2024, destínanse en concreto 4,8 millóns de euros de fondos autonómicos a apoiar a contratación de menores de 30 anos sen traballo en empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, así como en calquera outra pertencente ao sector privado, radicadas en Galicia e que desenvolva actividades no eido do I+D+i.
Na visita, o conselleiro destacou que desde 2022 que se convocou a iniciativa por vez primeira, mobilizáronse máis de 27 millóns de euros ao abeiro deste plan, conseguindo promover un total de 812 contratacións, incluídas as 152 deste ano. Enmarcou o programa Investigo nas medidas a prol do emprego xuvenil, celebrando que os datos de paro do mes pasado demostren a súa efectividade, xa que -no caso dos menores de 30 anos- móstrase a menor cifra de desempregados nun abril desde que hai rexistros (2006). Con respecto a abril de 2023, a caída, segundo dixo, é do -11,47%.
Ao estar en Vilagarcía, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración referiuse tamén aos datos da comarca do Salnés, onde caeu o paro un -2,3% con respecto a marzo e un -9,30% na evolución anual.
Aposta polo emprendemento
José González tamén fixo alusión aos pasos firmes que se están a dar para consolidar Galicia como rexión emprendedora, con ferramentas como os Polos de emprendemento e apoio ao emprego que asesoran de xeito continuado e de principio a fin dos proxectos en 13 centros activos ata o momento, aos que se sumarán dous máis en breve (un deles en Vilanova de Arousa).
Co convencemento de que o emprendemento xera traballo e fixa poboación no territorio e no rural, o titular de Emprego apuntou que na provincia de Pontevedra -a través dos Polos de Silleda e O Porriño- a Rede xa ten atendido preto de 500 iniciativas empresariais, o 61% delas impulsadas por mulleres. Por sectores, predominan os servizos, seguidos do comercio e da educación. Así mesmo, téñense realizado na provincia case 1.100 titorías, 73 reunións con entidades do territorio, 9 accións de formación e 15 eventos da Rede.
Cómpre engadir que no marco desta Rede está funcionando un Plan de remuda para garantir a continuidade dos negocios que precisan de novas persoas que se poñan á fronte. Un Plan no que están adheridos un cento de proxectos e que se complementará proximamente cunha orde de axudas específica para impulsar estas transmisións de empresas.
Tamén se vén de poñer en marcha un Mapa de emprendemento para facilitar o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais, reunindo todos os axentes territoriais e servizos ao dispor dos emprendedores da comunidade. E esta semana publicáronse tamén unha serie de guías de utilidade para poñer en marcha e xestionar negocios, que ademais de estar dispoñibles online distribuiranse de xeito físico entre os colectivos de interese, así como nos Polos de emprendemento abertos. Unhas guías que recollen as características de distintos tipos de empresas -desde as impulsadas por autónomos ás da economía social- incidindo tamén nos procesos de transmisión de empresas en funcionamento.