José González coñeceu as liñas nas que están avanzando os sete grupos de traballo constituídos polo consello asesor de Ultreia Galicia de cara a acabar de deseñar a folla de ruta concibida para dar pulo ao emprendemento na nosa Comunidade
Na Estratexia terá un papel clave a rede de colaboración público-privada impulsada no I Congreso Ultreia, que conta cunhas 80 adhesións para compartir recursos e xerar sinerxías, mellorando o asesoramento a proxectos e o impacto das políticas públicas
O texto incidirá noutros aspectos fundamentais do emprendemento como a remuda xeracional, a especialización comarcal que identificará os sectores tractores de cada zona ou o reforzo dos apoios da Administración, coa Rede de polos como fío condutor
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, reuniuse hoxe co consello asesor de Ultreia Galicia, co que avaliou a celebración da segunda edición do congreso homónimo e as liñas nas que están avanzando os sete grupos de traballo constituídos para acabar de deseñar a futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio. Aproveitando o encontro —no que tamén participou o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño—, o conselleiro salientou que na folla de ruta que nace da designación de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025 terá un papel clave a rede de colaboración público-privada impulsada no I Congreso Ultreia, que suma xa unhas 80 adhesións, co fin de compartir recursos e xerar sinerxías no eido do emprendemento.
Nesa liña, a Rede Ultreia busca evitar duplicidades para mellorar o acompañamento dos proxectos emprendedores e o impacto das políticas públicas, identificando todos os axentes e servizos de interese e avaliando a eficacia das ferramentas implementadas.
Segundo o titular de Emprego, a Rede Ultreia será un dos eixes principais da Estratexia, que terá o seu principal fío condutor nos Polos de emprendemento. Uns Polos que se potenciarán como antenas que detecten necesidades, conecten coas oportunidades locais e orienten os proxectos cara aos recursos e programas máis adecuados. A maiores, avogarase pola especialización comarcal que identificará os sectores tractores de cada zona, permitindo deseñar proxectos con impacto real no territorio.
González tamén aludiu á necesidade de atallar a remuda xeracional no emprendemento, cunha bolsa de negocios en traspaso e un escaparate dixital, cun programa de sucesión empresarial para acompañar as persoas cedentes e sucesoras e co apoio económico do Bono Remuda. Nese senso, apelou a determinar os negocios imprescindibles en cada contorna e a conectalos a través dos Polos con novas persoas emprendedoras interesadas en coller o testemuño, no caso dos que teñan os seus titulares próximos á xubilación.
No encontro de hoxe tamén se abordou o reforzo do financiamento e das axudas ás iniciativas emprendedoras pegadas ao territorio tendo en conta a experiencia privada como outros dos eixes que acabarán de dar forma á Estratexia que persegue transformar a nosa Comunidade a través do emprendemento.