José González subliñou que o obxectivo é vincular o investimento público en formación para o emprego coas necesidades reais das empresas e as vacantes do territorio, consolidando así o mercado laboral galego
Neste sentido, destacou o novo enfoque da orde ‘Galicia Suma Talento: Emprégate’, dotada con 19,7 M€, que prioriza por primeira vez a contratación de persoas desempregadas previamente formadas ao abeiro das ordes autonómicas
Ademais, subliñou o redeseño integral da formación para o emprego como un eixo clave para potenciar o talento interno, avanzando cara a un modelo máis flexible, no que as necesidades formativas veñen determinadas pola demanda real das empresas
En materia de captación de talento exterior, referiuse ao novo escenario aberto pola regulación extraordinaria de persoas inmigrantes en situación irregular, que evidencia, sinalou, a improvisación e falta de planificación e rigor do Executivo estatal
Defendeu que Galicia aposta por un modelo ordenado desde a orixe e aliñado co mercado laboral, e urxiu a acelerar a traspaso das competencias das autorización iniciais de traballo solicitado ao Goberno central
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo de manifesto o esforzo da Xunta de Galicia por pechar o círculo da empregabilidade a través dunha estratexia integral de políticas activas de emprego que conecta a formación para o emprego cos incentivos á contratación, garantindo que o investimento público se traduza nun impacto real e efectivo no mercado laboral galego. Así o destacou na xuntanza mantida con representantes da asociación Área Empresarial do Tambre, na que lles deu a coñecer as principais iniciativas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para 2026, deseñadas para dar resposta ás necesidades reais de talento do tecido produtivo galego.
Entre elas, salientou o novo enfoque da orde Galicia Suma Talento: Emprégate, publicada onte no Diario Oficial de Galicia e que conta cun orzamento de 19,7 M€ para apoiar a contratación de persoas desempregadas con maiores dificultades de inserción laboral, como mocidade, mulleres, persoas paradas de longa duración, emigrantes retornados ou persoas con discapacidade, entre outros colectivos. Como principal novidade, sinalou que por primeira vez se dará prioridade a aquelas que recibiran previamente formación para o emprego financiada con recursos autonómicos, reforzando así a conexión directa entre as políticas formativas da Xunta e a incorporación efectiva ao mercado laboral. Neste sentido, o programa incorpora incentivos pioneiros á contratación indefinida de persoas desempregadas que, nos dous últimos anos, finalizaran accións de Formación para o Emprego (AFD), obradoiros de emprego, programas integrados de emprego ou un contrato formativo ao abeiro das axudas de primeira experiencia profesional. Ademais, tamén como novidade, a axuda ao centro de traballo poderá incrementarse nun 25 % no caso de que a persoa contratada superase estudos vinculados ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) nos dous anos previos.
Trátase, subliñou o conselleiro, de conectar o investimento público que recibe a cidadanía coas necesidades reais das empresas e coas vacantes existentes no territorio, asegurando que cada euro destinado á formación e ao emprego contribúa a pechar o círculo completo: formación útil, contratación estable e consolidación do mercado laboral.

Formación flexible
José González enmarcou estas actuacións na renovación integral das políticas activas de emprego que está a impulsar o Goberno galego para dar resposta aos retos do emprego, da competitividade e da captación de talento, claves para cubrir vacantes, garantir a remuda xeracional e fixar poboación no territorio. Neste contexto, salientou a evolución positiva do mercado laboral galego e da provincia da Coruña, que en xaneiro rexistrou 45.561 persoas desempregadas, o menor dato para este mes desde que existen rexistros.
No ámbito da potenciación e retención do talento interno, o conselleiro destacou o novo modelo de formación para o emprego da Xunta, máis áxil, flexible e conectado co mercado laboral, no que a demanda real das empresas marca as necesidades formativas. Neste marco situou medidas como o decreto pioneiro de microcredenciais para o emprego e as ordes de formación en vigor, entre as que salientou as AFD, con 40 M€, e o Galicia Suma Talento: formación persoas ocupadas, dotado con 10,6 M€.
Captación de talento ordenada e en liña coas empresas
En relación coa captación de talento do exterior, José González referiuse ao novo escenario derivado da regulación extraordinaria de persoas inmigrantes en situación irregular anunciada polo Goberno central, que —indicou— evidencia falta de planificación e rigor nun ámbito que debería abordarse como política de Estado.
Fronte a iso, remarcou que Galicia aposta por un modelo integral de inmigración ordenada, aliñado coas necesidades das empresas e baseado na integración laboral real, que se estrutura nun primeiro foco no retorno das persoas galegas do exterior e, nun segundo eixo, na atracción de talento procedente de terceiros países. Nesta folla de ruta, concluíu, resulta clave axilizar o traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo solicitadas por Galicia para responder con eficacia ás necesidades do mercado laboral.