González destacou que as últimas medidas do Executivo estatal complican o labor diario de pemes e autónomos, que representan o 99,8 % do tecido produtivo galego, ao incrementar trabas e xerar incerteza normativa

Referiuse á reforma do sistema de cotizacións de autónomos e á implantación do sistema Verifactu, cualificando a súa recente prórroga como un síntoma da falta de planificación e de consenso cos axentes sociais e económicos

Pola contra, subliñou que o Executivo galego mantén o seu compromiso de escoitar e acompañar os axentes económicos que sosteñen o mercado laboral, crean emprego e xeran impacto no territorio, avanzando tamén na simplificación administrativa

Así, a orde de apoio aos autónomos integrará os principais programas do sector cun enfoque integral, desde o inicio da actividade ata a consolidación e mantemento, incluíndo tamén medidas de conciliación, remuda e nova oportunidade

Avanzou o paquete de apoios para o sector estenderá a cota cero para novos autónomos ata 24 meses para os que inicien actividades vinculadas á agricultura, gandaría ou silvicultura e incrementará nun 20 %, o orzamento do bono Remuda

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo en valor a acción da Xunta de Galicia a prol do emprego autónomo, cunha aposta decidida polo apoio, o acompañamento e a redución das trabas burocráticas para o colectivo, destacando ferramentas clave como a orde unificada de axudas que volverá convocarse en 2026 cun orzamento próximo aos 41 millóns de euros e coa que se agarda beneficiar arredor de 9.000 persoas.

Así o sinalou hoxe no Pleno do Parlamento, no marco da resposta a unha pregunta sobre as últimas medidas e decisións adoptadas polo Goberno central nos últimos meses en relación co mercado laboral. Fronte a un escenario estatal que —remarcou— continúa endurecéndose, incrementando as cargas fiscais e xerando incerteza normativa sen ter en conta a realidade das pemes e das persoas traballadoras autónomas, que representan o 99,8 % do tecido produtivo galego, a Xunta mantén o seu compromiso de escoitar e acompañar os axentes económicos que sosteñen o mercado laboral, crean emprego e xeran impacto no territorio, así como de seguir avanzando na simplificación administrativa.

Neste senso, salientou que o paquete de axudas para autónomos de 2026 volverá integrar os principais programas de apoio ao sector cun enfoque integral de principio a fin, abranguendo desde o inicio da actividade ata a súa consolidación e mantemento e incluíndo tamén medidas de conciliación, remuda e axudas para aquelas persoas que desexen volver iniciar un proxecto emprendedor tras unha etapa previa como autónomas.

Entre as novidades desta orde, González destacou que a cota cero, implantada en 2023 para novos autónomos durante 12 meses, estenderase ata os 24 meses no caso daqueles que inicien actividades vinculadas á agricultura, á gandaría ou á silvicultura. Ademais, o bono remuda incrementarase un 20 %, ata acadar os 1,5 millóns de euros, co obxectivo de favorecer a continuidade dos negocios e garantir a remuda xeracional. Así mesmo, sinalou que se continuará potenciando o papel crucial do comercio, con ferramentas xa en marcha como o Plan estratéxico do sector 2025-2030, artellado en consenso con todo o sector.

O titular de Emprego destacou que a eficacia das medidas impulsadas polo Executivo galego reflíctese no peso do sector en Galicia, que é a terceira CCAA con maior presenza de persoas traballadoras autónomas en relación co total das afiliacións. O colectivo representa preto do 20 %, case 4 puntos por enriba da media estatal, o que demostra a capacidade emprendedora da Comunidade e a súa contribución á creación de emprego.

Aposta polo diálogo social

O conselleiro contrapuxo o modelo da Xunta fronte a unha política estatal que —afirmou— se basea en poñer atrancos e adoptar medidas improvisadas sen diálogo social —eido que sen embardo o Goberno galego pretende institucionalizar o vindeiro ano—. Como mostra destas trabas, referiuse a iniciativas como a reforma do sistema de cotizacións das persoas traballadoras autónomas ou a implantación do sistema Verifactu, cuxa recente prórroga cualificou como un síntoma máis da falta de planificación e de consenso cos axentes sociais e económicos. Tamén sinalou as crecentes cargas ás que se ven sometidas en España as pequenas empresas e autónomos, cunha complexidade normativa —destacou— un 16 % maior que a media da UE e sendo un dos países comunitarios onde máis subiron os impostos ás empresas na última década. A este respecto, o Executivo autonómico tamén reitera a necesidade de atender unha demanda do colectivo autónomo, como é a exención do IVE para aquelas persoas cunha facturación inferior aos 85.000 euros anuais. Finalmente, José González advertiu de que outras decisións con impacto directo no tecido produtivo, como a redución da xornada laboral ou o incremento do salario mínimo interprofesional (SMI), non poden adoptarse á marxe do diálogo social nin ignorando a realidade e a estrutura das empresas. Nese contexto, remarcou a importancia da colaboración público-privada como piares fundamentais da acción do Goberno galego.

Loading...